Escolares de Lugo coñecen de preto a Galiña de Mos nun programa para promover esta raza autóctona

O CEIP Quiroga Ballesteros de Lugo acolleu unha nova sesión do programa 'A Galiña de Mos vai á escola', unha iniciativa que a asociación de criadores Avimós está a desenvolver en centros educativos da provincia coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Esta proposta achega ao alumnado o ciclo de incubación e nacemento dos ovos mediante actividades prácticas e charlas divulgativas sobre a raza autóctona Galiña de Mos, a súa orixe, cría e cualidades gastronómicas.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento do Concello de Lugo, Iria Buíde, visitaron o centro coincidindo co nacemento dunha vintena de polos tras tres semanas de incubación.
Alumnado de terceiro, quinto e sexto de primaria participou na actividade e aproveitou a ocasión para lanzar unha mensaxe en defensa do consumo de produtos locais e do apoio ao traballo das gandeiras e gandeiros da contorna.
A colaboración entre Avimós e a área de Rural permitirá desenvolver esta proposta en 14 centros da provincia durante o primeiro semestre deste ano. Este mesmo mércores, o programa chegou tamén ao CEIP Albeiros e ao CEIP Menéndez Pelayo de Lugo.