Escolares de Lugo e Navia de Suarna gañadores no concurso convocado polo 25-N
O xurado do concurso convocado pola Xunta polo 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero, puxo en valor a propostas gráficas e audiovisuais presentadas á presente convocatoria polo alumnado galego de centros de ensino non universitario.
Escolares de Lugo, Navia de Suarna, Ferrol, Lalín, Sanxenxo e Santiago de Compostela resultaron premiados polas pezas gráficas e audiovisuais coas que quixeron contribuír a facer unha valoración crítica sobre a violencia de xénero. Os galardóns concederanse no curso dunha gala que se celebrará o próximo 24 de novembro no Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela.
No certame resultou así recoñecido, como gañador na 1ª categoría -para alumnos de 5º e 6º de educación primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)- o grupo do CEIP Casás de Lugo, pola peza audiovisual Xuntas e xuntos somos a forza. E segundo posto, outro centro de Lugo destacou pola calidade da súa proposta en vídeo co traballo Alza a túa voz, elaborado por sete alumnos e alumnas do IES Ánxel Fole.
Na 2ª categoría -dirixida a 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP básica e de ciclos de grao medio e superior- o primeiro posto na modalidade de imaxe gráfica foi para unha alumna do Ies Saturnino Montojo de Ferrol pola obra Non deixes que te devoren. Concedéronse tamén un segundo premio, ao IES Laxeiro de Lalín, polo traballo en equipo Nas mans de todas-os está a escalada da violencia de xénero frear e un accésit a unha alumna do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela por Non deixes que volva a pasar. Denuncia.
Na modalidade audiovisual desta mesma categoría, o xurado valorou como mellor traballo a proposta de sete mozos e mozas do IES Vilalonga de Sanxenxo co título Sen cárcere nin carcereiro. Foi segundo o CIFP Leixa de Ferrol por Violencia Verbal e accésit o CPI Plirilingüe Navia de Suarna coa peza audiovisual Non estás soa dille non.
O xurado recoñeceu a calidade das propostas da presente convocatoria, nas que se pedía integrar a sensibilización e a valoración crítica da resposta colectiva ante a violencia de xénero. En todos eles se incluiu a frase 25 de novembro. Día Internacional contra a violencia de xénero así como un lema en galego relacionado con esta temática.
Con esta iniciativa a Consellería de Emprego e Igualdade, promotora do concurso, destacou as mensaxes claras e rotundas para facer unha reflexión sobre esta lacra, co foco posto na prevención, na detección precoz e na intervención.
O xurado estivo configurado por representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional e a Comisión Asesora de Publicidade non Sexista. Tivo en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero e a adecuación desta aos obxectivos que se promoven de prevención, detección precoz e intervención fronte á lacra. Tamén a calidade técnica, orixinalidade e creatividade das iniciativas e mesmo á participación activa do alumnado.
A Xunta entregará os premios o próximo 24 de novembro nun acto no Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela. Consisten en cheques regalo para investir no comercio local para cada unha das persoas integrantes dos equipos gañadores e un lote de libros para os centros vencedores.