Escolares do Colexio Franciscanos de Lugo acordan promover un servizo de protección animal
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, recibiron a dous grupos de estudantes do Colexio Franciscanos de Lugo. Durante a visita, os concelleiros explicaron o funcionamento da Administración e o papel da veciñanza nela, e amosaron as distintas instalacións da Casa Consistorial, na praza Maior, como o Salón de Plenos ou os conxuntos escultóricos adquiridos polo Concello e expostos permanentemente na sede municipal.
Temas como a mobilidade ou a programación cultural da cidade foron os protagonistas das dúbidas achegadas polas nenas e nenos que realizaron a visita. Penas manifestou a súa satisfacción por recibir esta visita no Concello, e animou aos centros educativos de Lugo a programar visitas á Casa Consistorial.
Unha vez situados no Salón de Plenos, as e os estudantes organizáronse en diversos grupos políticos con singulares nomes e simularon un pequeno pleno onde acordaron a realización dun parque acuático ou a creación dun servizo de salvamento de animais, ademais de debater ante a difícil decisón de escoller a mellor larpada do mundo.