Esixen en Lugo a gratuidade de servicios esenciais nos hospitais públicos

LugoXa
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e Especialidades do HULA e a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti solicitárono á Consellería de Sanidade
hula-hospital-lugo
25 Jan 2025

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e Especialidades do HULA e a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti solicitaron á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a gratuidade de servizos esenciais nos hospitais públicos, como o uso das televisións nas habitacións, a conexión á rede wifi e o aparcadoiro interior.

Ambas entidades destacan que, aínda que a saúde é o máis importante, os pacientes hospitalizados, especialmente aqueles con estadías prolongadas, postoperatorios complexos ou tratamentos de oncoloxía, deberían ter acceso gratuíto á televisión e outros servizos que fagan máis levadeira a súa estancia.

Critican que o actual sistema de cobro por días do servizo de televisión é abusivo, xa que o tempo comeza a descontarse desde que se activa a tarxeta, aínda que non se utilice o dispositivo. Por iso, propoñen un modelo baseado no uso real mentres non se alcance a gratuidade.

Exemplos doutras comunidades

A Plataforma denuncia que Galicia queda atrasada en comparación con outras comunidades autónomas que xa ofrecen estes servizos de forma gratuíta, como Castela-A Mancha, Valencia, Estremadura, Canarias, Murcia e provincias como Segovia, Zamora e Cuenca, entre outras. En ditas rexións, a sanidade pública adquire os equipos e xestiona o servizo, subvencionando o seu custo en diferentes graos. Por exemplo, en Valencia o servizo é completamente gratuíto desde 2019.

Ademais desta demanda, as organizacións solicitaron a inclusión de servizos esenciais como podoloxía e unha ampliación da cobertura en saúde dental dentro da sanidade pública. Argumentan que a ausencia de podoloxía afecta especialmente os nenos, que poderían desenvolver problemas graves no futuro, e as persoas maiores, que deben asumir os custos dos tratamentos do seu peto.

Tamén propoñen que a sanidade pública cubra empastes, endodoncias, próteses dentais e tratamentos preventivos bucais, especialmente necesarios para as persoas maiores con pensións reducidas.

Desde a Plataforma lembran que os problemas dentais non tratados poden derivar en patoloxías dixestivas e outros problemas graves de saúde, o que reforza a necesidade de incluír estes servizos dentro da Rede Pública de Asistencia Sanitaria.

Finalmente, ambas entidades critican á Xunta de Galicia por non cumprir as promesas realizadas en repetidas ocasións sobre a mellora das condicións para os pacientes e familiares nos hospitais públicos. Insisten en que estas medidas mellorarían significativamente o benestar dos usuarios e humanizarían as estadías hospitalarias.

0.17000317573547