Esixen axilidade nas obras da Catedral de Lugo para rematalas antes do San Froilán

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, dirixiuse ao Delegado Territorial da Xunta en Lugo para reclamar maior celeridade no remate das obras que se están a executar na Catedral de Lugo desde febreiro.
Ferreiro destacou que agardan que a Xunta teña acondicionado este espazo para o inicio do San Froilán, dada a importancia da praza de Santa María como un dos principais escenarios das festas.
A edil insistiu en que as melloras en curso non supoñan problemas para o normal desenvolvemento das celebracións. Considera que, dado o tempo transcorrido desde o inicio das obras, é necesario garantir que a praza poida ser utilizada con normalidade durante estas datas.
O proxecto de reparación de humidades na cabeceira da catedral conta cun investimento de 451.001,94 euros, cun prazo de execución de seis meses desde o 1 de febreiro. Ferreiro subliñou que, aínda que estas actuacións poden sufrir retrasos, é preciso dar un empuxón final para que a praza estea lista para o San Froilán.
CONTESTACIÓN DA XUNTA
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, respondeu á carta da concelleira de Cultura de Lugo sobre as obras que a Administración autonómica está a executar na Catedral sinalando que, con estas declaracións, “o Concello de novo busca confrontar coa Xunta de Galicia por dúas cuestións: por un lado, desprezando as obras nun monumento identitario da cidade, Patrimonio da Humanidade, como é a Catedral de Santa María, na o Goberno galego está a solucionar un problema grave de humidades cun investimento moi importante de 450.000 euros, e por outro lado, a concelleira debería saber perfectamente que o prazo de execución desta actuación remata o 29 de setembro, antes do inicio das festas de San Froilán, porque foi o propio Concello de Lugo o que outorgou a licenza para facer as obras correspondentes”.
Lembrou ademais que os traballos se retrasaron no seu inicio “pola tardanza municipal na concesión da ocupación de vía”. Arias engadiu que “desgraciadamente, neste Concello con dous gobernos que non falan entre eles danse estas situacións esperpénticas, nas que proxectan hacia outras Administracións, neste caso a Xunta, as súas propias deficiencias e falta de xestión. Cumprir os prazos establecidos non é unha milagre, é xestión, quenes non o fan, só saben criticar".
E engade que "a concelleira pode estar tranquila, porque as obras rematarán dentro do prazo previsto e incluso antes dese día 29 de setembro, porque a Xunta sempre cumpre con Lugo. Non así o Concello, e vémolo coas obras eternas do centro de Lugo ou, por exemplo máis recentemente, co inicio das obras do barrio da Milagrosa a poucos días de comezar as súas festas, que é cando máis xente ten o barrio”, conclúe o delegado.