“Esperamos xuntar 300 persoas na cuarta Quedada Motorista San Froilán”
Lucía Blanco
Naceu como unha xuntanza de amigos e 6 anos despois a Quedada Motorista San Froilán mantén a súa esencia mentres segue dando cita aos amantes do motor e poñendo en valor a cidade. “Saíu dunha comida que se nos foi das mans porque cando nos demos conta reunimos a 240 persoas”, lembra Iván López, un dos organizadores. O éxito desa primeira edición levounos a continuar apostando pola iniciativa. “Vendo que todo o mundo quería vir, xa a organizamos dun xeito máis serio, puxemos un grupo de música, un Dj e fixemos varias sorpresas”.
A cuarta convocatoria terá lugar, coma sempre, o domingo anterior ás patronais, o 29 de setembro. “Quedamos na praza de Augas Férreas entre as 10 e as 11 da mañá para que vaian chegando todos e entregámoslles un agasallo de benvida e un rutómetro”. Así poderán facer cando eles queiran un itinerario, que é sorpresa, pola cidade e a súa contorna. “Poden coñecer un pouco e teñen o camiño de ida e de volta onde se fai a comida. Xa saben por onde teñen que ir, onde teñen que parar e o que van a ver. Hai xente que xa a fai directamente ese día e logo volvemos e tomamos uns pinchos para socializar un pouco e comemos tamén no centro”.
O encontro logra ano tras ano non deixar indiferente a ninguén. “É unha imaxe que chama moito a atención, ver aparcadas 200 ou 250 motos todas xuntas. Ademais, os que nunca estiveron aquí como os pinchos e o xantar son dentro das murallas alucinan ao estar comendo coa Catedral de fondo”. Entre os habituais desta proposta, ademais dos lucenses, encóntranse moteiros de distintos puntos de Galicia e de Asturias. “É unha iniciativa que axuda a dar a coñecer a cidade. Moitos baixan da moto, pasean polo centro e van ata a praza Maior. Ademais como o rutómetro a maiores é por fóra de Lugo tamén van a ir a algún concello da contorna”.
A gastronomía acaba de completar o programa grazas ao que poderán desfrutar dun menú que inclúe o prato por excelencia, o polbo, ademais de música en directo. “Imos ter un grupo actuando e cando remate temos un Dj que vai estar amenizando toda a tarde ata que se vaia indo a xente e logo algunha sorpresa e sorteo a maiores para que o pasemos ben”. As previsións son máis que positivas para esta nova quedada na que esperan superar os 300 inscritos. “Se o tempo tamén acompaña. Pero teño que dicir que no 2019 tivemos un día bastante malo, choveu e todo e tivemos máis de 200. Pero un día soleado axuda moito. Esperemos que sexa como todos anos como mínimo, que non baixemos das 250”, conta Iván.
Participantes desde os 18 ata 90
Tamén esperan confirmar que a súa afección non entende de idades. “No 2023 estiven cun home que estaba moi ben para os anos que tiña e veu na súa moto con 89 anos. E despois hainos moi noviños, temos xente desde os 18 ata 90”. Os tíckets, que teñen un prezo de 29 euros con todo incluído, xa están a venda nos locais participantes e tamén a través de Bizum indicando nome e DNI ao 680 643 106. “O prezo que lles cobramos é o que nos custa a nós facelo, porque é sen ánimo de lucro, non gañamos nada. Isto empezou como un grupo de amigos e segue sendo así, non é organizado por un motoclub”. Contan con patrocinadores para levar a cabo a xuntanza e tamén coa axuda de Lugo Monumental coa organización da cita que, convocatoria tras convocatoria, consolida o seu éxito.
“Foi moi ben acollida, cando empezamos había anos que se facía nada relacionado coas motos e había moita paixón. No 2019 xa chegamos case ás 300 persoas, nos dous anos seguintes estivemos parados pola pandemia e retomamos no 2022 coa mala sorte de que un dos nosos compañeiros, porque eramos 7 os que a organizabamos, faleceu nun accidente e decidimos cancelar. Volvemos o ano pasado e xuntamos 200 persoas”. Ganas non lles faltan para continuar con esta proposta que esperan seguir a manter no calendario. “Isto non é unha competición nin unha concentración de fin de semana. Trátase de que coñezan Lugo, de compartir a paixón, de comer ben e de desfrutar todos xuntos”.