Semanas de espera para ser atendidos en Lugo: os veciños de Nadela denuncian o peche do seu centro de saúde
A veciñanza de Nadela continúa na defensa da súa sanidade coa entrega de sinaturas na Delegación Provincial da Xunta de Galicia de Lugo en contra do novo intento de pechar o centro de saúde. Beatriz Jato, portavoz da plataforma en defensa do centro de saúde de Nadela, afirmou que levan “nunha situación de abandono moitos anos, cada vez con menos días de atención no centro de saúde".
Afirmou que moitas veces teñen que agardar “máis dunha semana ata poder recibir unha consulta no centro de saúde de Fingoi, o que obriga a moita xente a acudir a urxencias". O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo afirmou que é preciso “que a Xunta manteña o servizo de atención primaria neste Centro de Saúde que atende a máis de 700 persoas". Engadiu que o Goberno autonómico "en vez de aportar solucións está a forzar á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade".
O BNG leva anos traballando xunto coas veciñas e veciños de Nadela para evitar o peche do centro de saúde, trasladando a problemática ás distintas institucións onde ten representación, e apoiando as mobilizacións organizadas pola veciñanza. Entregáronse preto dun milleiro de sinaturas reclamando á Xunta que manteña a atención primaria neste centro, defendendo que as veciñas e veciños non pode decidir que día enferman.
Rubén Arroxo defendeu que "a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta". Para o nacionalista, "non prestar un servizo esencial como é a atención primaria merma a calidade do noso sistema sanitario". O BNG apoiou ás veciñas e veciños de Nadela desde o inicio das súas mobilización en reclamación dun servizo de atención primaria digno.
"Ano tras ano as veciñas e veciños de Nadela chegan ao verán sen saber se volverán contar con atención no seu centro de Saúde ou se a Xunta do PP vai deixar de prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro", afirmou Rubén Arroxo. O BNG critica que a Xunta pretenda pechar o centro "nun proceso de desmantelamento da sanidade pública", e defende o dereito da veciñanza a poder asistir ao seu médico cando o precise.