Esquerda Unida critica a ausencia de zonas verdes no centro histórico de Lugo

LugoXa
A organización puxo o foco na Praza de Santo Domingo, onde denuncian que, lonxe de crear un entorno amable e natural para a veciñanza, se optou por un modelo “cementado e gris”
céspede-artificial-Santo-Domingo-centro-de-Lugo-obras-Esquerda-Unida
13 Jun 2025

Esquerda Unida critica o deseño das obras de peonalización do centro histórico de Lugo, cualificándoo como unha “maquillaxe” urbanística que, segundo critican, oculta unha falta de planificación real centrada na humanización dos espazos públicos. A organización puxo o foco na Praza de Santo Domingo, onde denuncian que, lonxe de crear un entorno amable e natural para a veciñanza, se optou por un modelo “cementado e gris”, sen apenas presenza de vexetación.

Chus Rodríguez, secretaria de organización de Esquerda Unida en Lugo, subliñou que tras máis de dous anos de obras, o resultado final mantén, ou mesmo incrementa, o tránsito de vehículos na contorna do casco vello.

“É evidente para calquera cidadán que o cemento e o gris é o material e a cor coa que conviviremos no casco vello da cidade”, lamentou Rodríguez, quen describiu a colocación de pequenos anacos de céspede “case artificial” ao redor de catro árbores na Praza de Santo Domingo como unha “decoración de terraza chill out ou piscina”, sen ningún valor real como espazo verde.

A formación denuncia tamén que, en días de altas temperaturas como os vividos recentemente, non hai lugares no centro para refuxiarse do sol. “Ao cruzar a praza de Santo Domingo ou a da Horta do Seminario, só tiñas cemento e sol abrasador”, indicou Rodríguez, que considera urxente incorporar criterios de adaptación climática á planificación urbana. Reivindican máis árbores e vexetación, como solución eficaz para combater a calor, regular a temperatura e mellorar o confort ambiental da cidadanía.

Esquerda Unida censura o que cualifica como “ausencia de modelo urbanístico” e denuncia a falta de participación veciñal nas decisións que afectan ao centro da cidade. Advirten que, aínda que as obras finalicen formalmente, os problemas continuarán: “parchearán constantemente por lousas rotas e golpes de calor ou anegadas polas fortes choivas”, concluíu Rodríguez.

⚙ Configurar cookies
0.10299611091614