Esquerda Unida de Lugo reelixe a María Isabel Sánchez Corral como coordinadora comarcal

A Asemblea Comarcal de Esquerda Unida de Lugo, celebrada a pasada semana coa participación do coordinador federal da formación, Antonio Maíllo, serviu para consolidar a continuidade do proxecto político na comarca coa reelección, por unanimidade, de María Isabel Sánchez Corral como coordinadora comarcal. A candidatura de consenso presentada foi respaldada sen fisuras pola militancia presente.
Xunto á reelección da coordinadora, aprobáronse tamén as novas áreas e responsabilidades dentro da dirección comarcal, cun equipo renovado e estruturado para reforzar a presenza da organización no territorio. María Jesús Rodríguez Rodríguez asumirá a área de institucional e política local; Diego López Dapena estará ao fronte de comunicación; Carlos Anxo Portomeñe Pérez encargarase de contidos e programa; e Xoán Trigo González xunto con Fernando Yáñez Pérez responsabilizaranse da organización e das finanzas.
Desde Esquerda Unida destacan que esta nova estrutura permitirá avanzar no traballo político, fortalecer o contacto coa cidadanía e mellorar a coordinación interna de cara aos retos futuros da organización en Lugo e na provincia.