Esquerda Unida e CCOO abordan a situación laboral e a xestión de persoal no Concello de Lugo

A nova dirección comarcal de Esquerda Unida mantivo unha xuntanza con representantes da Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Lugo, entre eles o seu secretario xeral, Manuel Quiñoá. O encontro enmárcase na rolda de contactos que a organización política está a desenvolver co tecido asociativo e organizativo da cidade.
Na reunión participaron, ademais, a coordinadora de Esquerda Unida, Isabel Sánchez; o secretario de organización, Xoán Trigo; e os membros Fernando Yáñez, Diego López e Chus Rodríguez, responsable da área institucional. Durante o encontro, CCOO expuxo a preocupante situación que, segundo o sindicato, atravesa o Concello de Lugo, especialmente no ámbito de persoal, con carencias en practicamente todas as concellarías.
Os representantes sindicais detallaron as súas demandas respecto á situación dos Servizos Sociais municipais, a escola infantil e as dificultades na xestión do persoal, así como a falta de escoita aos propios funcionarios. Segundo explicaron, moitas destas problemáticas coinciden coas denuncias que Esquerda Unida vén realizando nos últimos anos, especialmente no que atinxe á subcontratación de servizos públicos que poderían ser asumidos por traballadores municipais, nun proceso que cualifican de “deriva privatizadora” por parte do actual goberno local formado por PSOE e BNG.
Desde Esquerda Unida insisten na necesidade de abrir un proceso real de escoita e participación cidadá á hora de deseñar políticas públicas, así como en garantir maior transparencia na adxudicación dos contratos e avanzar cara á remunicipalización dos servizos públicos.
CARTAS DE CCOO A PEDRO SÁNCHEZ
A Sección Sindical de Comisións Obreiras no Concello de Lugo presentou na Subdelegación do Goberno tres cartas dirixidas ao presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun SOS documentado contra o desprezo ao diálogo social, a privatización de servizos públicos e a incoherencia política do goberno bipartito local (PSdeG e BNG).
Segundo sinala CCOO, o executivo municipal aplica políticas que traizoan os seus principios, vendendo e privatizando servizos mentres descuida o cadro de persoal. O sindicato alerta de que o desvío orzamentario está a vaciar partidas destinadas a cubrir vacantes e reforzar o Capítulo de Persoal para financiar gastos alleos, afectando seriamente a prestación de servizos municipais.
A situación é especialmente "crítica" en ámbitos sensibles, como os pisos de acollida para mulleres vítimas de violencia machista, onde denuncian que deixan caducar prazas mentres se gardan minutos de silencio polas vítimas. O sindicato subliña que a súa acción busca “quitar a careta a un goberno que se autoproclama progresista, pero que na práctica traizoa os principios da socialdemocracia e aplica medidas propias dun partido neoliberal”, garantindo que a hipocrisía política quede exposta e reclamando coherencia ideolóxica e acción real.