Esquerda Unida e o Sindicato Labrego alertan da crise estrutural do sector primario galego

Esta semana tivo lugar en Lugo unha xuntanza entre representantes de Esquerda Unida e do Sindicato Labrego Galego. No local de Esquerda Unida participaron Isabel Sánchez, coordinadora local; Chus Rodríguez, de Institucional; e Xoán Trigo, secretario de Organización, mentres que polo Sindicato Labrego asistiron Brais e Lois, gandeiros de carne ecolóxica en Palas de Rei.
Durante a reunión trasladouse a preocupación pola crise estrutural do sector primario en Galicia. Un dos síntomas máis evidentes é o declive dos mercados locais, que perderon peso nas últimas décadas. Para reverter esta situación, reivindícanse a creación de centros de transformación que permitan aos pequenos produtores comercializar os seus produtos con garantías sanitarias mediante rexistro, así como matadoiros comarcais e cámaras frigoríficas comunitarias que permitan conservar os produtos autóctonos por máis tempo.
O caso do mel en Arxentina exemplifica a problemática global: pese a ser un gran produtor, a maior parte da produción destínase á exportación, dificultando o consumo local, encarecendo os prezos e beneficiando só aos intermediarios. Neste contexto globalizado, a Unión Europea renuncia á súa soberanía alimentaria, e as mesas de negociación dos sindicatos coas empresas son meramente orientativas e carecen de carácter vinculante.
Tratados internacionais como o Mercosur ou o asinado con Canadá agravan esta situación. Mentres certos sectores da ultradereita intentaron capitalizar a oposición a estes acordos, a dereita tradicional tende a diluír as protestas no conxunto das negociacións.
A Política Agraria Común (PAC) presenta un papel ambivalente. Debería protexer aos pequenos produtores, apostando polo concepto de “agricultor activo” e vinculando as axudas á venda real, pero na práctica favorece aos grandes terratenentes. Galicia é a única comunidade autónoma onde hai máis persoas traballando no campo que beneficiarias das axudas da PAC, evidenciando a súa insuficiente cobertura.
Outro desafío importante é o relevo xeracional. A nivel europeo, por cada dez persoas que abandonan o campo só dúas se incorporan, e a xuventude resiste identificarse coa figura do labrego. Para cambiar esta tendencia, son precisas políticas de estado que protexan o sector local, faciliten a incorporación de novos labregos e labregas, garantan formación e ingresos dignos, potencien a soberanía alimentaria local e poñan en valor o modelo de pequeno produtor galego, un sistema históricamente pouco compatible co capital.