Esquerda Unida propón conservar e reformar a estación de autobuses de Lugo cun intercambiador

LugoXa
A formación aposta por un proxecto urbano que combine mobilidade sostible e usos culturais, en sintonía coa proposta de Lugo Monumental
Esquerda-Unida-e-Lugo-Monumental
16 Oct 2025

Esquerda Unida de Lugo defende a conservación e reforma do edificio da actual estación de autobuses para transformalo nun Intercambiador intermodal de transporte acompañado dunha ampla zona verde. A proposta inclúe tamén novos espazos culturais e creativos, co obxectivo de revitalizar a contorna e manter o transporte de viaxeiros no centro da cidade.

A iniciativa foi presentada tras unha xuntanza entre representantes de Esquerda Unida e membros da Asociación de Empresarios Lugo Monumental, encabezada polo seu presidente, Luis Latorre, quen explicou o proxecto que a entidade presentou recentemente na propia estación.

Desde a formación destacaron a coincidencia “nos aspectos fundamentais” entre o seu programa e a proposta de Lugo Monumental e outros colectivos, coincidindo en que o futuro do edificio debe decidirse mediante un proceso de participación cidadá promovido polo Concello de Lugo.

Segundo Esquerda Unida, a colaboración entre institucións permitiría desenvolver un proxecto urbano que conserve o actual edificio e o reforme, creando un espazo verde entre as dársenas e a rúa Cidade de Vigo. O plan contempla tamén a creación dun Intercambiador intermodal que concentre o transporte de autobuses comarcais e rurais, o de visitantes e excursións, o servizo urbano e rural municipal e unha parada de taxis, ademais dun aparcadoiro cuberto para bicicletas e motocicletas.

A proposta da formación vai máis alá do transporte e aposta por dotar o edificio de novos usos culturais. O proxecto prevé habilitar salas de ensaio para músicos e artistas escénicos, obradoiros para creadores e artesáns, salas de exposición e espazos polivalentes para actividades diversas, respondendo á alta demanda de infraestruturas deste tipo na cidade. O obxectivo, segundo Esquerda Unida, é “trazar un eixo artístico” que una o Vello Cárcere coa rúa Ramón Montenegro, pasando pola Mosqueira e Mártires de Carral, integrando as artes musicais, plásticas e escénicas.

O encontro enmárcase no proceso de contactos que a nova dirección comarcal de Esquerda Unida está mantendo co tecido asociativo e organizativo da cidade. Na reunión participaron a coordinadora comarcal Isabel Sánchez, o secretario de Organización Xoán Trigo e a responsable de Institucional Chus Rodríguez.

⚙ Configurar cookies
0.083002090454102