Esta tarde haberá actividade nas instalacións deportivas municipais e nos centros de convivencia de Lugo

O Concello de Lugo informa de que, unha vez recuperado o nivel II de emerxencia, queda restablecida a actividade nas instalacións deportivas municipais e nos centros de convivencia da cidade. Tamén se levanta a suspensión da actividade deportiva federada e da actividade escolar incluída no programa Xogade.
En concreto, as piscinas municipais de Frigsa reabrirán as súas portas a partir das 15:00 horas de hoxe, mentres que as de As Pedreiras farano ás 15:15 horas, unha vez revisados os parámetros da auga e as centralitas, e comprobado que non existen incidencias derivadas do recente apagón. Retómase así a actividade con normalidade, incluíndo os cursos programados, tanto nestas instalacións como no resto de equipamentos deportivos municipais, todos en horario de tarde.
Do mesmo xeito, os centros de convivencia dos distintos barrios volverán abrir as súas portas tamén en horario de tarde. Porén, as actividades de animación sociocultural permanecerán suspendidas temporalmente. O fogar do transeúnte, que onte acolleu a 12 persoas usuarias, continúa funcionando con normalidade.
Ademais, as ociotecas municipais tamén retomarán a súa actividade habitual a partir das 15:00 horas.
Desde o Concello destacan a rápida resposta dos servizos municipais para recuperar a normalidade na prestación dos servizos públicos tras a situación de emerxencia vivida nas últimas horas.