Estabilizado o incendio de Larouco-Seadur mentres permanece activo un novo foco en Castroverde

O lume iniciado o pasado mércores 13 no concello ourensán de Larouco e que afectou a Quiroga e ameazou a Folgoso do Coural, quedou estabilizado ás 11.25 horas deste sábado tras arrasar máis de 30.000 hectáreas en territorio galego. O incendio afectou a once municipios: Larouco, Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
Na súa extinción mobilizáronse importantes recursos: 51 técnicos, 222 axentes, 311 brigadas, 216 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Porén, a xornada deste sábado tamén deixa un novo incendio forestal, declarado ás 16.21 horas entre as parroquias de Bolaño e Serés, no concello lugués de Castroverde. O lume permanece activo e, polo momento, non hai unha estimación da superficie afectada.
Ata a zona desprazáronse dous axentes, un técnico, cinco brigadas, dúas motobombas, tres helicópteros e tres avións para tratar de conter as lapas.
Tamén foi desactivada a Situación 2 do incendio de Carballedo-A Cova, que permanece activo despois de orixinarse este xoves ás 18.14 horas.