Están a rematar as obras de catro vivendas tuteladas para vítimas de violencia de xénero en Lugo
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, supervisou xunto á concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, a marcha das obras de catro vivendas tuteladas para vítimas de violencia de xénero, uns traballos que se atopan na súa derradeira fase, e que supuxeron a reforma integral dos catro pisos, cuxas obras rematarán a finais deste mesmo mes.
A rexedora municipal puido ver de preto os principais traballos executados nestas vivendas tuteladas, que consistiron na rehabilitación total do interior dos inmobles, seguindo os criterios de eficiencia enerxética, para un mellor confort e habitabilidade, ao tempo que se asegura un menor custo e polo tanto un aforro considerable no seu mantemento.
A piques de rematar estes traballos, a alcaldesa de Lugo sinalou que “cumprimos o obxectivo principal, que non é outro que proporcionar ás vítimas de violencia machista non só seguridade e recursos, senón tamén un espacio adecuado, máis cómodo, saudable e agradable, que contribúa á recuperación destas mulleres”.
Tanto a alcaldesa como a responsable de Muller no Concello de Lugo coincidiron ao sinalar “a importancia da colaboración entre administracións, como vía para facer realidade proxectos tan necesarios como este, proporcionando ás vítimas os recursos que precisan para saír desta situación e favorecer unha nova vida para estas mulleres”.
Obras de rehabilitación
A reforma integral destas catro vivendas, cunha construcción de hai anos, supuxo o cambio de superficies, solo e paredes con obras para executar un trasdosado no interior dos pisos, colocar falsos teitos e actuar tamén en espacios comúns dos inmobles, o que permite a súa vez instalar illamento e mellorar o confort da vivenda.
Tamén houbo unha importante intervención no que se refire á carpintería metálica, co cambio e posterior instalación de xanelas de dobre acristalamento con factor solar, contribuíndo non só ao mellor illamento térmico e acústico do piso senón tamén á unha maior luminosidade e benestar, en beneficio das súas usuarias.
A obra tamén implicou o cambio de azulexado en cociñas e baños, substitución de pavimentos, renovación de saneamentos e instalacións eléctricas, entre outras tarefas que supón a reforma integral dun inmoble. Ademais, se actuou en zonas comúns do edificio, para mellorar a eficiencia enerxética, o que contribuirá a un maior aforro e á reducción de custos de mantemento.
O máis complicado deste proxecto foi a propia execución dos traballos desta rehabilitación integral nun tempo récord e a organización necesaria das tarefas para rematar no prazo. De feito, houbo unha media diaria dunha ducia de persoas traballando nestas obras, con picos de ata vinte operarios.
Finalmente, a finais deste mesmo mes, quedarán rematadas as reformas nas catro vivendas tuteladas, todas elas de dous dormitorios.
Coa recuperación destes catro pisos, que tamén serán amoblados, o Executivo de Paula Alvarellos incrementa a axuda e os servizos que presta ás mulleres vítimas de violencia de xénero, dentro da atención integral e a intervención multidisciplinar para os casos de malos tratos.