Executan obras de mellora no camiño que une as parroquias de Benade e Mazoi
Estanse a executar obras de mellora do firme no camiño municipal que vai da parroquia de Benade á de Mazoi, dende o núcleo rural de Gundín (Benade), ata as proximidades do núcleo rural de Barcia (Mazoi). O concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, supervisou as obras.
Fernández explicou que “dende o executivo municipal atendemos as demandas dos veciños e veciñas destas parroquias, renovando o pavimento desta vía, que se atopaba deteriorado, para facilitar a súa mobilidade e dotalos dunhas infraestruturas de calidade”.
Os traballos, que contan cun orzamento de 100.279,22 euros, enmárcanse no Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal financiado por Agader 2023-2024 a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
A actuación proxectada, nun total de 1.703 metros, consiste na mellora do firme do vial municipal que vai desde o núcleo rural de Gundín ata o camiño, tamén municipal, que vai desde Mazoi a Benade, nas proximidades de Barcia.
As actuacións previstas para a mellora do pavimento deste camiño consisten no estendido dunha capa de mestura asfáltica en quente de 5 cm de espesor, completándose coa execución da sinalización viaria horizontal e a colocación dun stop na intersección co camiño que vai de Mazoi a Benade. Tamén se proxecta a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía e evitar que produzan danos no pavimento do camiño.