Este luns o Concello comezará a enviar os recibos do imposto de circulación por valor de 5’7 millóns de euros

LugoXa
O Concello de Lugo comezará este próximo luns a xirar o recibo do imposto de circulación, coincidindo coas datas establecidas no calendario fiscal.
Imaxe do Edificio de Servizos Administrativos do Concello de Lugo
19 Aug 2023

O Concello de Lugo comezará este próximo luns a xirar o recibo do imposto de circulación, coincidindo coas datas establecidas no calendario fiscal.

Segundo consta no servizo de Facenda Local, este 2023 figuran matriculados no municipio un total de 73.187 vehículos (87 máis que o ano anterior) que tributarán ás arcas municipais 5.773.075 euros, o que mantén ao IVTM no segundo imposto municipal máis cuantioso, logo do IBI.

O edil de Economía e Recursos Humanos, Pablo Permuy, lembrou que o período voluntario para proceder ao seu abono finalizará o próximo 20 de outubro e convida á cidadanía a informarse das bonificacións existentes que rebaixan considerablemente a cota do gravame, entre elas, ás dirixidas aos automóbiles menos contaminantes.

“Coma sempre, no obxectivo de conseguir unha cidade máis sostible e respectuosa co medio ambiente, as persoas propietarias de turismos híbridos ou que empreguen un combustible de baixa incidencia para o ecosistema (motor eléctrico e/ou emisións nulas, biogás, gas natural, gas líquido, metano, metanol, hidróxeno, gasolina-gas, eléctrico-gasolina, etc) poderán solicitar e beneficiarse durante tres anos dun desconto de até o 75% na cota da rodaxe”, indicou o concelleiro.

O responsable de área indicou, así mesmo, que, “conxuntamente nestas mesmas datas, a Administración local tramita o cobro dos 4.093 vaos existentes na cidade neste momento”, que suman un importe de 733.768 euros e quixo aproveitar, alén, para animar á poboación a domiciliar os seus recibos dende a sede electrónica municipal (www.lugo.gal). Un procedemento informático que permite ás e aos contribuíntes realizar o trámite dunha maneira áxil e sinxela, sen necesidade de aportar ningún tipo de documentación.

“O único requisito que esixe este sistema é estar en posesión de certificado dixital”, referiu Permuy Villanueva que destacou entre as principais vantaxes de empregar a vía telemática “a maior dilixencia de todo o proceso, porque se evita ter que pedir cita previa e acudir ao Rexistro para entregar a instancia e tampouco resulta necesario aportar documento algún. O único que cómpre facer é asinar unha declaración responsable confirmando a titularidade, ou a autorización da/do titular, da conta bancaria que se facilita”, sostivo.

Para que a domiciliación surta efecto, esta debe realizarse con dous meses de antelación ao inicio do período voluntario de pago polo que, en caso de facerse agora, tería aplicación para a vindeira etapa impositiva.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20727014541626