Este sábado celébrase a primeira edición da Festa da Primavera de Lugo

A primeira edición da Festa da Primavera de Lugo celebrarase o vindeiro sábado 26 de abril no barrio da Tinería.
O festexo, que conta coa colaboración do Goberno autonómico, inclúe actividades para todos os públicos que se desenvolverán dende as 12.00 ata as 19.30 horas.
Así, o barrio recibirá a Lilicleta, un antigo triciclo de reparto de leite transformado nunha discoteca a pedais que, da man do señor Lili, fará que nenos e maiores bailen e desfruten.
A música seguirá durante toda a tarde coa actuación de DJ Kr-On. Nesta primeira edición da Festa da Primavera haberá tamén distintos obradoiros, abertos ao público, nos que os participantes poderán aprender a facer flores de papel ou paxaros con material de refugallo, entre outras actividades. Haberá tamén postos de venda de produtos de alimentación e de artesanía, así como un stand dunha floristería.
Os organizadores animan ademais aos veciños e veciñas da Tinería a participar nun concurso de decoración de fiestras e balcóns, que axudará a crear un ambiente primaveral único no barrio.
Javier Arias felicitou á asociación de empresarios Itineris por promover esta iniciativa “para seguir poñendo en valor este barrio histórico de Lugo, dinamizando as súas rúas e locais ao tempo que se ofrece unha nova proposta de lecer para o conxunto dos lucenses e un atractivo máis para os visitantes”.
Destacou que este tipo de propostas súmanse “ao compromiso e o esforzo que está a facer a Xunta de Galicia para avanzar de xeito paralelo na rehabilitación urbanística e na recuperación económica, social e cultural desta zona”. Neste senso, o delegado territorial referiuse ao importante investimento que o Goberno galego fai en vivenda pública e rehabilitación no barrio da Tinería, “con máis de 26 millóns de euros investidos e 96 vivendas rehabilitadas”.
Lembrou ademais que a Xunta ten aberto o concurso de ideas para a redacción do plan especial da unidade de intervención 8, que suporá a recuperación do Pazo de Dona Urraca e a súa contorna. O proxecto inclúe tamén a demolición dun inmoble, a construción doutros tres novos e a rehabilitación de catro edificios -dous na rúa Miño e outros tantos na rúa Falcón-, para sumar un total de 16 vivendas. O orzamento estimado da actuación superará os 6,2 millóns de euros.