Este sábado tivo lugar a presentación do libro Antas de Ulla no centro xeográfico de Galicia
Este sábado tivo lugar a presentación do libro Antas de Ulla no centro xeográfico de Galicia, unha publicación elaborada polo Instituto de Estudos Ulloáns que editou a Deputación de Lugo dentro do seu compromiso por difundir e poñer en valor os recursos patrimoniais da provincia.
No acto participaron a deputada de réxime interior, promoción do territorio e turismo, Pilar García Porto o director do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo Teijeiro, e a coordinadora e coautora do libro, María José Gómez Alvite. A igrexa de Antas de Ulla acolleu a presentación, durante a que membros da Banda de Música da localidade interpretaron diferentes pezas musicais.
O libro, que conta con 260 páxinas, fai un recorrido pola historia, a xeografía, bioloxía, persoeiros, etnografía, arte, música, literatura, ou a pintura da localidade.
“Esta é unha ocasión especial porque a presentación dunha publicación camiña da man co proxecto para o acondicionamento do entorno que esa mesma publicación promovera: o Centro Xeográfico de Galicia”, subliñou a Deputada, en referencia ao Parque Central de Galicia que impulsa a Deputación de Lugo no lugar no que o Instituto Xeográfico Nacional estableceu como punto central da comunidade autónoma, en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla.
Oportunidades para o rural
Pilar García Porto enmarcou esta iniciativa “na aposta decidida que mantemos pola cultura e polo coñecemento porque teñen un valor en si mesmo, que nos fai mellores como persoas e como sociedade, pero tamén porque son os mellores cimentos para deseñar políticas públicas eficaces, capaces de xerar oportunidades para o noso rural e para xerar riqueza. O futuro do rural pasa por saber poñer en valor a cultura do propio rural, por coñecelo mellor a través do estudo. Isto é o que ocorreu arredor deste libro, Antas de Ulla no centro Xeográfico de Galicia. O que no seu momento inicial era un dato dentro dun rigoroso estudo xeográfico, foise convertendo no punto de partida dunha iniciativa social moito más ampla”.
Desta forma, “a confirmación desa posición central”, detallou a Deputada, levou á Deputación de Lugo a apostar “pola creación dun gran espazo público natural artellado en torno a esa idea: o Parque Central de Galicia, un espazo público totalmente integrado no entorno, que está pensado para poñer en valor o noso rural, para seguir fomentando o orgullo de pertenza entre a veciñanza da Ulloa, e para potenciar na zona un turismo de calidade, sostible, desestacionalizado, familiar, que axude a crear emprego e riqueza”.
García Porto lembrou que a previsión da institución provincial pasa por inaugurar o Parque Central a finais desta ano ou a principios do ano que vén. “Como veciña de Antas de Ulla, e como responsable política, sinto un orgullo especial do proceso polo que esta fermosa idea pasou das páxinas deste libro á realidade. Porque cando sumamos o rigor dos estudos, o interese dos veciños e o respaldo da administración pública, conseguimos os mellores resultados como sociedade”, asegurou.
A Deputada rematou a súa intervención “cun desexo, que case é unha certeza, que dentro de 20 ou 25 anos, nalgunha monografía das que no futuro seguirá editando o Instituto de Estudios Ulloáns, figure un traballo que analice o impacto do Parque Central de Galicia na comarca da Ulloa; como incide no turismo ou no lecer; que tipo de flora e fauna se pode atopar nel; ou cales son os aspectos do mesmo que máis valoran os nenos e nenas que o visitan”.