Estudan a mellora da seguridade viaria na Calzada da Ponte

LugoXa
Entre elas, figura a instalación dun bolardo antes do túnel que enlaza coa saída cara á N-VI
Barrio-da-Ponte
5 Ago 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, vén de manter un novo encontro coa veciñanza da Calzada da Ponte para estudar a implantación de medidas que melloren a seguridade viaria na contorna. Entre elas, figura a instalación dun bolardo antes do túnel que enlaza coa saída cara á N-VI e que, pese a prohibición de paso para vehículos (excepto residentes) que xa existe na zona, segue a empregarse constantemente.

Un extremo, que Paula Alvarellos comprobou in situ, xunto aos concelleiros Mauricio Repetto e Jorge Bustos, que observaron a intensidade do tráfico rodado que se concentra neste punto da capital, con maior afectación entre as vivendas que van do número 99 ao 121 e do 140 ao 172 desta vía.

“Nese percorrido, que fixemos acompañados das e dos veciños, puidemos constatar que  o paso de turismos é continuo polo que adoptaremos as solucións precisas para garantir a seguridade das persoas que viven neste enclave pero tamén a das viandantes, tendo en conta que se trata dunha localización moi frecuentada polas dotacións de ocio e lecer que se aglutinan nela e que resultan un importante reclamo social”, afirmou a rexedora en alusión ao paseo fluvial, á zona verde e ao parque infantil pero tamén aos diversos establecementos de hostalaría que dan servizo no barrio.

Deste xeito, outra das actuacións que a mandataria lucense contempla poñer en marcha redundará na identificación dos vehículos das e dos residentes na Calzada da Ponte co fin de poder exercer un control máis estrito sobre o acceso ás zonas que estes teñen reservadas. Igualmente, Paula Alvarellos comprometeuse a atender as demandas cidadás de incrementar o número de bancos e papeleiras, completando así o mobiliario urbano existente na contorna así como a analizar a creación dunha zona de estacionamento que contribúa a paliar a falta de espazo da que adoece a Calzada da Ponte para deixar o coche.

0.19516587257385