Estudantes de Enxeñaría da USC de Lugo visitan o Centro de Control da CHMS en Ourense

Estudantes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC visitaron recentemente o Centro de Control de Cunca (CECU) da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) na cidade de Ourense, unha xornada durante a cal os estudantes puideron comprobar in situ o desenvolvemento do traballo diario no CECU e coñecer de primeira man as operacións que permiten xestionar a cunca do Miño-Sil.
Os responsables do centro explicaron aos alumnos o proceso de recepción, tratamento e transmisión dos datos procedentes dos distintos puntos de control do SAIH e do SAICA. Estes sistemas, distribuídos ao longo da extensa rede hidrográfica da demarcación, rexistran cada cinco minutos variables hidrometeorolóxicas e físico-químicas, o que permite levar un seguimento rigoroso e planificar actuacións fronte a secas, inundacións ou outras incidencias.
Durante a visita, os estudantes aprenderon sobre o funcionamento das ferramentas e modelos de predición hidrolóxica que se utilizan no SAIH, que consta de 160 puntos de control repartidos polo territorio da demarcación e que envían datos en tempo real de variables hidrometeorolóxicas, así como variables físico-químicas controladas polo SAICA. Ademais, recibiron información sobre os acordos de colaboración con outras demarcacións e países, e sobre proxectos como Poctep Risc_Plus, destinados a ampliar e mellorar os puntos de control mediante telenivómetros, piezómetros e outros equipos.
A visita levou tamén ao alumnado lucense á estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica e de Calidade das Augas situada no río Miño a súa altura en Ourense, onde os estudantes puideron observar como se captan os datos nos sensores das instalacións e como se transmiten vía satélite ao CECU para o seu seguimento e tratamento ante posibles crecidas ou vertidos.