Estudantes do Colexio Paradai coñecen o funcionamento do Concello de Lugo

Un grupo de estudantes do Colexio Paradai realizou unha visita ás instalacións da Casa Consistorial de Lugo, onde puideron coñecer de primeira man o funcionamento da Administración municipal e o papel que desempeña a cidadanía na vida pública da cidade. A actividade estivo guiada pola concelleira de Educación, Iria Buide, quen explicou á rapazada as principais funcións do Concello e lles amosou os distintos espazos da sede municipal, situada na praza Maior.
Durante o percorrido, as estudantes visitaron dependencias como o Salón de Plenos e coñeceron tamén os conxuntos escultóricos adquiridos polo Concello que se atopan expostos de maneira permanente na Casa Consistorial. Ao longo da xornada, a mobilidade e a programación cultural da cidade centraron boa parte das preguntas e reflexións formuladas polo alumnado participante.
A responsable municipal expresou a súa satisfacción por recibir esta visita educativa e animou aos centros de ensino de Lugo a incluír no seu calendario actividades deste tipo, co obxectivo de achegar o funcionamento da administración local á comunidade escolar.
Xa no Salón de Plenos, as estudantes organizáronse en distintos grupos para levar a cabo unha simulación dun pequeno pleno municipal, no que puideron debater diversas propostas orientadas á mellora da cidade e do propio centro educativo, exercitando así a participación e o diálogo democrático.