Estudantes galegos coñecen de primeira man a oferta educativa da USC en Lugo
A USC achega ao estudantado preuniversitario a oferta de estudos, o abano de servizos e algunhas das liñas de investigación que se desenvolven na sede universitaria luguesa a través dos Encontros no Campus de Lugo e a mostra A USC Camiña, que se están a celebrar nestes días. Estas actividades promovidas polo programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC permitirán a preto de 1.100 estudantes de Bacharelato e ESO de centros educativos das provincias da Coruña, Lugo e Ourense coñecer de primeira man as instalacións de que dispón a sede universitaria luguesa, familiarizarse cos programas de estudo e as saídas profesionais das titulacións de grao que nel se imparten, ademais de descubrir o seu potencial científico a través de charlas divulgativas e obradoiros impartidos por docentes e investigadores.
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga López, e o coordinador do programa A Ponte, Celso Rodríguez, darán a benvida ao alumnado preuniversitario ás 12.00 horas, na Biblioteca Intercentros, onde están instalados os paneis da mostra ‘A USC Camiña’, no marco dun acto no que, entre outros, tamén participará a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez.
As instalacións da Biblioteca Intercentros, localizadas no ‘corazón’ do Campus de Lugo, serán tamén o punto de encontro do futuro alumnado universitario, que, a partir das 10.00 horas e en diferentes quendas horarias, recibirá información sobre as ferramentas, servizos e actividades que pon á súa disposición o Servizo de Normalización Lingüística da USC. Visitas ás dependencias bibliotecarias e ás da residencia universitaria Jesús Bal y Gay, charlas informativas respecto da actividade formativa e de mobilidade internacional do Centro de Linguas Modernas (CLM) ou do cometido que se desenvolve desde o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) e a presentación das distintas modalidades, disciplinas e torneos organizados desde o Servizo de Deportes da USC, así como do amplo abano de actividades culturais que promove a Área de Cultura a través da Aula de Teatro, dos Espazos de Danza e Fotografía, Orquestra Sinfónica, ademais dos ciclos de música, exposicións, obradoiros de creación, seminarios... completan a primeira inmersión universitaria do alumnado participante.
O programa matinal dos Encontros no Campus de Lugo, que está estruturado en distintos itinerarios, a través dos que se pretende responder as preferencias manifestadas polo alumnado preuniversitario, antóllase como un verdadeiro escaparate da oferta académica e dos servizos que presta a USC na súa sede de Lugo. De feito, alén dos paneis informativos, esta actividade inclúe tamén sesións informativas sobre as titulacións impartidas nas distintas facultades e escolas universitarias, ao tempo que contempla obradoiros temáticos específicos sobre recoñecemento de madeiras, cultivo hidropónico, manexo de robots, construción de pontes, detección de radiacións, xestación porcina a través dun simulador ou novas linguaxes e formas de comunicación a través das RRSS, TikTok ou Instagram.
ACTIVIDADES PARA PROFESORADO E PROXENITORES
A mostra A USC Camiña, que permanecerá instalada na Biblioteca Intercentros os días 23 e 24, complétase con actividades orientadas especialmente a nais, pais e profesorado, pero abertas a todo o público interesado que se desenvolverán as dúas xornadas en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, nas instalacións do edificio CACTUS. A profesora Mercedes Novo abrirá estas sesións cunha charla sobre a experiencia vital que significa a realidade universitaria. De seguido, o programa do mércores contempla tres pílulas de divulgación científica sobre enfermidades neurodexenerativas, enzimas artificiais ou parasitos en vacún, a cargo de María Villar, Lara Rouco e David García, tres representantes da mocidade investigadora do Campus de Lugo da USC.
Un coloquio sobre as enxeñarías, no que intervirán como relatores docentes e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Ciencias servirá, a partir das 18.30 horas, como colofón da primeira xornada dos Encontros no Campus de Lugo. O programa do día 24 continuará coa visita de alumnado en quenda de mañá. Xa pola tarde, a profesora Novo Rodríguez abrirá, ás 16.30 horas, tamén no edificio CACTUS, a sesións orientadas a profesorado e proxenitores. Ana Manuela de Azevedo, Saskia Flament e Marta López Alonso ofrecerán cadansúa charla de divulgación científica na que abordarán cuestións ligadas a anatomía e esqueletos animais, ciencia aplicada ao desenvolvemento de vacinas ou a incidencia dos minerais no tratamento do cancro.