Estúdase en Rábade o proxecto de restauración ecolóxica do humidal da Lagora do Rei

A alcaldesa de Rábade, Reme González, e os concelleiros Juan Baroja e Carlos González acompañaron ao subdirector xeral de Espazos Naturais da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto, e ao director territorial da Consellería de Medio Ambiente en Lugo, Jesús Montouto, nunha visita ao humidal da Lagoa do Rei na que se abordou o proxecto de restauración ecolóxica deste espazo natural.
Durante o encontro, os responsables autonómicos deron conta das actuacións previstas, nas que a Xunta de Galicia investirá 154.135,40 euros. Anunciaron ademais que os traballos serán executados pola empresa pública Tragsa e adiantaron que comezarán en breve. Técnicos desta entidade tamén estiveron presentes para explicar sobre o terreo as intervencións que se levarán a cabo.
A alcaldesa destacou a importancia desta actuación, que cualificou de “fundamental para recuperar, coidar e preservar a Lagoa do Rei, un dos espazos naturais máis valiosos do noso Concello”. Reme González tamén puxo en valor que “este tipo de proxectos permiten mellorar un entorno de gran riqueza natural e seguir traballando pola protección do noso patrimonio ambiental”.
A Lagoa do Rei constitúe un dos principais espazos naturais do municipio e está incluída na Red Natura 2000 xunto co outro enclave ambiental do concello, Insuas do Miño. Ademais, forma parte do programa europeo Life e conta coa figura de protección ZEPA.
A restauración da Lagoa do Rei forma parte dun programa máis amplo de recuperación de humidais en Galicia. No caso da provincia de Lugo, as intervencións céntranse nos humidais da Terra Chá, cun investimento aproximado de 600.000 euros para tres anos, co obxectivo de mellorar o medio hídrico e reforzar a conservación destes ecosistemas, que constitúen unha parte esencial do patrimonio natural galego e serven de hábitat para unha notable variedade de flora e fauna.