Europe Direct Lugo presenta o espectáculo “Historias que transforman” para sensibilizar sobre os ODS

LugoXa
O centro municipal organiza unha actividade cultural e participativa con teatro, música e obradoiros para fomentar a conciencia cidadá sobre sustentabilidade e inclusión
dia-de-europa-lugo
6 Jul 2025

O centro municipal Europe Direct Lugo, servizo de información europea do Concello de Lugo, organiza o martes 8 de xullo a partir das 19:00 horas na praza Anxo Fernández Gómez o espectáculo “Historias que transforman”.

Esta proposta cultural e participativa combina narración oral, música e posta en escena co obxectivo de sensibilizar a cidadanía sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) 2030 e as prioridades políticas actuais da Unión Europea, entre as que destacan a sustentabilidade ambiental, a inclusión social e a transformación dixital.

A obra amosará historias interconectadas que reflexionan sobre a relación destes grandes desafíos globais coa vida diaria das persoas e coas decisións cotiás que tomamos como cidadáns. Cun ton lúdico e accesible, o espectáculo convida a reflexionar sobre como as accións individuais e comunitarias poden contribuír a construír un futuro máis sostible, xusto e inclusivo.

A actividade persegue varios obxectivos, entre os que sobresaen sensibilizar sobre o impacto real dos ODS e as prioridades da UE na vida das persoas, promover o compromiso comunitario e a participación cidadá a nivel local e europeo, así como incentivar a implicación activa en iniciativas e proxectos que demostren que pequenas decisións poden xerar grandes cambios.

Ademais do espectáculo, as persoas asistentes poderán participar nun obradoiro creativo para elaborar cadernos de bitácora con materiais reciclados, unha iniciativa que combina creatividade, conciencia ambiental e aprendizaxe en familia. Tamén se instalará un photocall con teatrillo para que os asistentes poidan levar un recordo divertido e participativo da xornada.

Esta actividade está dirixida a todos os públicos, ten acceso libre e non require inscrición previa. Forma parte das accións de información e sensibilización cidadá que Europe Direct Lugo desenvolve ao longo do ano para achegar Europa á sociedade lucense e fomentar o coñecemento sobre as políticas e valores comúns da Unión Europea.

⚙ Configurar cookies
0.18199992179871