Europe Direct Lugo proxecta ao aire libre 'La mujer de la montaña'

LugoXa
A sesión celebrarase o martes 22 de xullo na praza Anxo Fernández Gómez cunha proposta gratuíta e para todos os públicos, con flocos de millo incluídos
Cartel-cine-ao-aire-libre-Europe-direct-Lugo
21 Jul 2025

O centro municipal de información europea Europe Direct Lugo organizará o vindeiro martes 22 de xullo, ás 22:30 horas, unha sesión de cine ao aire libre na praza Anxo Fernández Gómez, cunha proposta cultural aberta a toda a veciñanza e gratuíta.

A película elixida para a ocasión é La mujer de la montaña, unha produción recoñecida internacionalmente que acadou o Premio LUX de Cine do Parlamento Europeo en 2018.

Dirixida por Benedikt Erlingsson e coproducida por Islandia, Francia e Ucraína, a longametraxe destaca pola súa sensibilidade á hora de tratar temas de fondo como a sostibilidade ambiental, o empoderamento feminino ou a maternidade. Todo isto a través da historia dunha muller que decide enfrontarse a unha industria contaminante no seu país. O seu tratamento artístico e a capacidade de emocionar foron recoñecidos en múltiples festivais e tamén polo Parlamento Europeo.

O Premio LUX, impulsado pola Eurocámara, ten como obxectivo destacar aquelas películas que estimulen o debate social e cultural na Unión Europea, promovendo valores como a igualdade, a democracia ou a xustiza social entre os cidadáns europeos.

Con esta iniciativa, Europe Direct Lugo procura achegar a cidadanía lucense ao proxecto europeo, fomentando a reflexión sobre os retos actuais da UE e promovendo a implicación activa da sociedade mediante a cultura. A sesión contará cun detalle especial para o público asistente: flocos de millo para todos e todas, nun ambiente distendido e familiar.

A proxección forma parte das accións desenvolvidas por Europe Direct Lugo co obxectivo de achegar Europa á veciñanza e favorecer un coñecemento crítico e comprometido do seu futuro común.

⚙ Configurar cookies
0.12364602088928