Éxito da campaña “Móllate polos ríos” en Lugo cunha recollida de 300 quilos de lixo

LugoXa
A UNED de Lugo e Coidemos Lugo colaboraron con Adega nunha nova edición que puxo en valor o voluntariado ambiental
Móllate-polos-ríos-UNED-Lugo
22 Sep 2025

A XVIII edición da campaña de limpeza fluvial “Móllate polos ríos” desenvolveuse o domingo 21 de setembro en Lugo, cunha xornada que reuniu a voluntariado da UNED de Lugo e da asociación Coidemos Lugo, en colaboración con Adega, para actuar nas ribeiras do Miño e do Rato dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño. A iniciativa concluíu cun balance de arredor de 300 quilos de residuos recollidos, que encheron por completo dous colectores facilitados polo Concello de Lugo.

A actividade, que se prolongou durante unhas tres horas e contou coa participación dunha ducia de persoas, permitiu retirar plásticos, caixas, artigos de hixiene, pneumáticos e outros materiais que afectaban á calidade ecolóxica destes espazos naturais. Un ano máis, as toalliñas desbotables foron os refugallos máis abundantes, acompañadas dun pneumático, fragmentos de tubaxe, un tapacubos e numerosos plásticos que, de non seren retirados, acabarían transformándose en microplásticos con risco de bioacumulación nos organismos vivos.

Os organizadores destacaron que accións coma esta non só melloran de forma inmediata o estado dos ríos, senón que tamén promoven unha reflexión crítica sobre o impacto da actividade humana e a necesidade de adoptar hábitos máis sostibles. Neste sentido, a UNED de Lugo reforza coa súa participación o compromiso coa educación e a sensibilización ambiental, tanto na súa comunidade universitaria como no conxunto da sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.10340094566345