Éxito de participación na Feira do Queixo de Pedrafita do Cebreiro
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi o pregoeiro da Feira do Queixo do Cebreiro que se celebrou este venres no concello da Montaña lucense cunha gran participación despois de dous anos de parón obrigado pola pandemia. O mandatario provincial puxo en valor na súa intervención o traballo e bo facer dos produtores, a veciñanza e o Concello de Pedrafita do Cebreiro na recuperación deste produto, agora recoñecido con Denominación de Orixe.
Así mesmo, recalcou que este percorrido, “pasando de estar en desaparición a consolidarse como un produto recoñecido na gastronomía internacional”, define “moi ben” todas as potencialidades que ten o rural lucense”, que, asegurou, “está cheo de ideas, oportunidades, proxectos e recursos”, que o que precisan son “políticas públicas” axeitadas, como é, precisamente, a creación do Centro de Atención a Maiores Manuel Villasol, que abriu en Pedrafita a Deputación de Lugo en colaboración co Concello hai menos dun ano.
O queixo e outros produtos da zona, así como pezas únicas feitas de maneira artesanal, foron protagonistas da feira do queixo de Pedrafita, que tivo unha gran afluencia de xente e éxito de participación.