Éxito de participación nas actividades ambientais da Reserva Terras do Miño

A nova programación de actividades ambientais da Reserva da Biosfera Terras do Miño arrincou con gran éxito, esgotando en apenas media hora case todas as prazas dispoñibles. A Deputación de Lugo abría o prazo de inscricións para o terceiro trimestre e, das 80 prazas ofertadas, só permanecen libres cinco, correspondentes a unha actividade deportiva que se celebrará do 15 ao 19 de setembro no Centro de Interpretación Terras do Miño.
A programación na Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá tamén abriu o prazo para apuntarse. Inclúe seis propostas de educación ambiental con 95 prazas en total dirixidas a todos os públicos, que se desenvolverán entre o 25 de xullo e o 18 de outubro. Esta oferta, gratuíta e adaptada a distintos perfís, ten como obxectivo achegar o medio natural á cidadanía, fomentar o respecto polo contorno e ofrecer espazos de aprendizaxe e lecer.
Na Reserva Terras do Miño as actividades comezarán en xullo cun obradoiro familiar titulado Crea, Innova e Protexe, que se impartirá entre o 7 e o 11 de xullo en horario de mañá. Xa en setembro, haberá un roteiro infantil entre o 1 e o 5, un taller de reciclaxe e reparación do 8 ao 12, un curso práctico sobre cultivos hidropónicos entre o 22 e o 26, e un taller de técnicas con flores secas entre finais de setembro e comezos de outubro. A única actividade con prazas dispoñibles nesta reserva é unha proposta deportiva para adultos que terá lugar entre o 15 e o 19 de setembro.
Pola súa banda, na Reserva dos Ancares a programación abrirase o 25 de xullo en Piornedo, con dúas sesións de observación solar e nocturna. O 12 e o 19 de setembro, en Cervantes, desenvolverase un curso sobre ferramentas de venda online para emprendedores do rural. Navia de Suarna acollerá dous obradoiros de astronomía os días 12 e 18 de agosto, así como un taller de elaboración de feltro os días 6 e 7 de setembro en Casa Quiñones. En Becerreá, o 20 de setembro e o 18 de outubro impartiranse obradoiros de olaría tradicional, e o 27 de setembro celebrarase un curso de orientación na montaña.