Éxito na XXXI Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, unha cita clave para poñer en valor o rural galego

LugoXa | TerraChaXa
O evento contou coa participación de preto de 50 queixerías e cinco panadarías, ademais de postos de artesanía, téxtil e alimentación, así como actividades complementarias
Feira-do-Queixo-e-Pan-de-Ousá-Friol-2025
23 Mar 2025

Friol acolleu este domingo unha nova edición da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, unha das citas gastronómicas máis emblemáticas de Galicia, recoñecida como Festa de Interese Turístico desde 2022.

O evento contou coa participación de preto de 50 queixerías e cinco panadarías, ademais de numerosos postos de artesanía, téxtil e alimentación, así como actividades complementarias como demostracións culinarias, obradoiros infantís e actuacións musicais.

A feira converteuse nun punto de encontro destacado para representantes institucionais, produtores e veciñanza.

Entre os asistentes estivo o secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, acompañado pola secretaria de Organización, Pilar García Porto, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, deputadas e deputados provinciais, así como representantes das agrupacións socialistas da comarca. Durante o percorrido polo recinto, acompañaron á agrupación socialista de Friol, encabezada pola súa voceira, Ana Pardo.

José Tomé puxo en valor o traballo dos produtores locais e reafirmou o compromiso do PSdeG co desenvolvemento do rural galego, destacando a importancia de apoiar os produtos de proximidade como motor económico e garante da identidade cultural da provincia.

Tamén participou na feira a deputada no Parlamento galego do BNG, Montse Valcárcel, acompañada de membros da organización nacionalista en Friol. Valcárcel subliñou que a feira "é unha boa mostra do que Friol é capaz de conquistar", destacando o potencial do sector primario para impulsar proxectos transformadores no rural. A deputada nacionalista aproveitou a ocasión para denunciar a contradición das políticas do Partido Popular, que “mentres exalta o rural en eventos como este, impulsa unha macrocelulosa que afectará negativamente á produción agrogandeira e ao medio ambiente”.

Neste senso, insistiu na importancia de apostar pola soberanía alimentar, o aproveitamento das terras e o apoio á mocidade para garantir a continuidade do sector agro-gandeiro. Valcárcel tamén felicitou aos produtores locais polo seu compromiso coa calidade e o desenvolvemento sostible, sinalando que “é un orgullo ver como a tradición, o amor polo propio e o bo facer seguen sendo pilares dunha sociedade que avanza”.

Ademais, a deputada aproveitou a visita para saudar á veciñanza de Vilalvite, que trasladou a súa preocupación polo impacto ambiental dunha granxa de porcos que se pretende instalar na parroquia, advertindo sobre o risco de contaminación dos acuíferos nunha zona especialmente sensible pola súa alta capa freática.

Tamén estivo presente a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Durante a súa visita, Gómez destacou o papel dinamizador deste tipo de feiras, que favorecen o comercio de proximidade e as canles curtas de comercialización, permitindo unha conexión directa entre produtores e consumidores.

A conselleira destacou que eventos coma este contribúen á fixación de poboación no rural e son un escaparate excelente para as producións agroalimentarias galegas, que combinan tradición e calidade.

Un ano máis, a Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá demostrou ser moito máis que unha celebración gastronómica: un símbolo do potencial do rural galego, da súa capacidade de transformación e do compromiso das súas xentes coa terra.

⚙ Configurar cookies
0.14258718490601