Expertos nacionais recoñecen o valor do Impulso Verde nunha xornada de portas abertas

LugoXa
Expertos nacionais recoñecen o valor do Impulso Verde e o traballo do Concello para situarse como referente en materia de sostibilidade
xornada impulso verde lugo
23 Jun 2023

A organización FSC España escolleu Lugo para celebrar, por segunda vez, a súa asamblea anual "pola súa aposta decidida polas políticas públicas sostibles".

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, inaugurou este xoves a xornada de portas abertas organizada no edificio municipal Impulso Verde por FSC España e a USC, da man do Concello. Esta iniciativa enmárcase na celebración da asamblea anual de socios de FSC, unha organización sen ánimo de lucro dedicada a promover a xestión ambientalmente apropiada, socialmente beneficiosa e economicamente viable dos bosques en todo o mundo.

Neste senso, Méndez agradeceu “a todas as persoas que traballan en FSC que nos elixiran como sede para celebrar o seu encontro anual”, o que contribúe –segundo apuntou a alcaldesa– a “situar Lugo no ámbito nacional e internacional, sendo a cidade á que miran as grandes urbes de Europa pola nosa aposta de futuro, sendo ademais, o Impulso Verde, o primeiro edificio de España que conta coa certificación desta organización”.

Na súa intervención, a rexedora destacou que “o Impulso Verde é o primeiro edificio público de España construído en madeira, procedente, ademais, dos montes de Lugo e un exemplo do deseño urbanístico polo que teñen que apostar as cidades”. Neste sentido, Méndez avanzou que “xa temos tamén un centro social construído integramente en madeira e o proxecto para levantar un novo polideportivo tamén con criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética: esta é a nosa folla de ruta, que nos converte nunha cidade que está a ser referente a nivel nacional e internacional”.

A alcaldesa lembrou que “inauguramos este edificio en abril, pero xa antes da súa inauguración tiña vida propia, pois foron moitas as visitas que recibiu durante as súas diferentes fases de construción, tanto de centros escolares, como de entidades profesionais, universidades, e colectivos de diferentes partes de Europa, Asia e América”.

“Trátase só do xerme do que queremos que sexan as cidades do futuro, sendo así mesmo, a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se desenvolverá en España desde cero”. Nesta aposta non só está implicado o Concello de Lugo como administración, se non que a iniciativa privada tamén está a encamiñarse por esta senda, así, “xa se está construíndo un novo edificio no centro da cidade, na Praza de Santo Domingo, integramente en madeira, o que nos satisfai especialmente”.

Pola súa banda, o presidente de FSC España, Alberto Rojo, destacou que “grazas a iniciativas como este edificio Impulso Verde e ao traballo que está a levar a cabo o Concello Lugo estase convertendo en todo un referente a nivel nacional en materia de sostibilidade”. “Este é o motivo –explicou– polo que, por segunda vez, decidimos celebrar a nosa asemblea anual nesta cidade, que se converte, por detrás de Madrid, onde se atopan as nosas oficinas centrais, no concello que máis veces albergou un dos nosos encontros; é a terceira vez que vimos a Galicia e a segunda a Lugo”, expuxo.

Durante o evento inaugural, o director executivo de APCER, Ivo Robim, entidade certificadora encargada de auditar o proxecto, fixo entrega á alcaldesa do Certificado FSC de Proxectos ao Concello, como impulsor do edificio Impulso Verde. Este certificado garante que toda a madeira local empregada na súa construción procede de fontes sostibles e controladas.

A xornada deste xoves contou con mesas redondas sobre o uso da madeira na construción sostible e visitas guiadas ao edificio Impulso Verde, á empresa subministradora da madeira certificada FSC do edificio, Hijos de Ramón Rubal S.L. en Alfoz (Lugo) e ao monte certificado FSC de SOFOR Monte Uceira en Pol (Lugo).

Participantes e ponentes

A xornada de portas abertas contou, ademais, coas intervencións e participación do director da XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal. Por outra banda, participaron os principais membros do equipo encargado do proxecto do edificio: Susana Penedo Souto, arquitecta no Concello de Lugo, os arquitectos colaboradores Belén Feijóo e José Antonio Lorenzana (PEMADE) da Universidade de Santiago de Compostela. E tamén representantes das empresas construtoras a cargo da obra e empresas galegas destacadas da industria da madeira, como Xilonor, fabricante de CLT, así como a empresa municipal do Concello de Lugo para desenvolvemento de chan e vivenda (Evislusa).

FSC España, con 20 anos de traxectoria, conta con máis 655.970 hectáreas de monte español certificado FSC e 36 titulares de certificados de Xestión Forestal; e 1.501 empresas certificadas con cadea de custodia. En 2022 o seu incremento en hectáreas certificadas foi do 38%. A organización celebra de forma anual a súa Asemblea de Socios, órgano de gobernanza e plataforma de diálogo. Neste 2023, Lugo é a sede deste encontro ao considerar ao Impulso Verde como un exemplo e referente de políticas públicas que apostan pola sostibilidade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18081498146057