Explican as modificacións da Lei do Patrimonio Cultural para axilizar trámites e reforzar a protección

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As novas medidas permitirán aos concellos autorizar obras menores en bens protexidos e reducirán os tempos de espera actuais
Lei-do-Patrimonio-Cultural-de-Galicia-en-Lugo
8 Nov 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse cos alcaldes e alcaldesas da provincia de Lugo no marco da rolda de contactos iniciada pola Xunta para informar das modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos en relación coa Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia.

Segundo explicou o responsable autonómico, os cambios teñen como finalidade adaptar o texto legal á realidade actual, simplificar procedementos e garantir unha protección máis eficaz do patrimonio galego.

O conselleiro, acompañado polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, destacou que a principal meta é desburocratizar os trámites para reducir os tempos de espera da cidadanía e das institucións. Recordou que Galicia é a única comunidade autónoma que informa sobre os bens de todo o seu territorio, con independencia do seu grao de protección, o que supón xestionar máis de 30.000 expedientes anuais e tempos de resolución que poden chegar aos doce meses.

“Estes longos prazos son un problema á hora de executar determinados proxectos”, recoñeceu López Campos, quen anunciou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aposta por eliminar a obrigatoriedade de autorización autonómica en determinados casos, que poderán ser resoltos polos propios concellos. Desta maneira, os gobernos locais poderán autorizar obras menores —como limpezas de fachadas, cambios de pavimento ou reparacións de vías— en elementos con protección estrutural, ambiental ou en Bens de Interese Cultural e catalogados.

A proposta tamén permitirá aos concellos emitir informes sobre intervencións no ámbito dos Camiños de Santiago catalogados —Inglés, Portugués, Fisterra-Muxía, Vía da Prata e Inverno— sempre que non afecten á traza nin a elementos funcionais. Esta competencia aplicarase nos municipios de máis de 50.000 habitantes e, nalgúns casos, no resto do territorio histórico.

A Consellería manterá, non obstante, as competencias para autorizar actuacións en bens de maior singularidade ou complexidade técnica, como os Bens de Interese Cultural declarados, os elementos con protección integral, os Camiños de Santiago recoñecidos como BIC (Francés e Norte) ou o patrimonio artístico, arqueolóxico e relixioso.

No ámbito forestal, a nova lexislación introducirá a figura da declaración responsable para as cortas de arboredo en bens con protección estrutural e ambiental, así como nas súas zonas de amortecemento ou nos Camiños de Santiago catalogados, a partir dos tres metros a ambos lados da traza. Ademais, eliminarase a necesidade de permiso para traballos de silvicultura realizados con medios manuais ou maquinaria lixeira, sempre que se executen despois de balizar adecuadamente a zona.

⚙ Configurar cookies
0.073213815689087