Fabiola García anuncia unha nova residencia para Friol e un centro de atención en Lugo
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, subliñou o incremento dun 10% dos orzamentos da súa área para 2025, que acadan unha nova cifra histórica ao chegar ata os 1.323 millóns de euros. Así o destacou durante a súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego, na que fixo fincapé en que as contas sociais increméntanse case o triplo do que o fan os orzamentos xerais da Xunta.
Fabiola García lembrou a importancia duns orzamentos que este ano inclúen as competencias en dúas materias “fundamentais e de grande calado”, como son as de promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. E incidiu en que a “igualdade debe estar na base de todo, na base das políticas sociais que inciden directamente no día a día dos galegos e galegas”.
Na análise por departamentos, a conselleira fixo fincapé en que as contas de 2025 contemplan un investimento de máis de 600 millóns de euros para a atención a maiores e a mellora dos servizos sociosanitarios, o que supón un incremento de case o 12% con respecto a este exercicio. Este esforzo permitirá aumentar en 30 millóns de euros os fondos destinados ás axudas de dependencia para incrementar o número de persoas atendidas, que neste momento xa superan as 76.000, o que supón unha das mellores ratios de España.
Este importante investimento permitirá implementar un plan de choque para unificar a tramitación de dependencia e discapacidade nun único procedemento, simplificando tamén as revisións, tal e como avanzou o Presidente da Xunta. Deste xeito, reduciranse ao máximo a burocracia e os tempos de agarda, xa que o cidadán só terá que presentar unha solicitude e introduciranse modificacións normativas para dar preferencia aos maiores de 80 anos e persoas afectadas con ELA.
Ademais, no vindeiro ano consolidarase o avance iniciado en 2024 cara a universalización dos coidados das persoas en situación de dependencia, que supuxo poñer en marcha axudas accesibles para todas elas sen importar o seu grado de dependencia ou renda. Con este fin, increméntanse un 31%, ata chegar aos 126,7 millóns de euros, os fondos destinados ao Bono Coidado no Fogar, unha axuda pública universal de 5.000 euros ao ano que xa reciben preto de 20.000 persoas. Ademais, a Consellería reserva 57,1 millóns de euros ao Bono Residencia e o seu complemento adicional de 100 euros ao mes.
Servizo de Axuda no Fogar
A conselleira de Política Social e Igualdade explicou que o orzamento para 2025 tamén permitirá seguir consolidando a atención de proximidade. A este obxectivo responde o incremento dos fondos para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que suben un 8% ata chegar aos 140 millóns de euros, o que implica un maior apoio para as entidades locais, incrementando horas e actualizando prezos. Fabiola García lembrou que, tal e como avanzou no Parlamento o Presidente da Xunta, en 2025 iniciarase unha negociación que permitirá impulsar unha mellora do financiamento deste servizo.
Nesta liña de achegar os coidados a todos os galegos e galegas, destínanse 5,3 millóns de euros a continuar estendendo a rede de casas do maior e ao mantemento das máis de 140 existentes. E, por terceiro ano consecutivo, vólvense destinar 3 millóns de euros para axudar con 12.000 euros anuais a todas as persoas diagnosticadas con ELA na comunidade galega e que reciben xa 200 galegos.
Dentro da área de maiores, a conselleira tamén fixo referencia ás medidas destinadas a promover un envellecemento activo e saudable, como é o caso do programa Benestar en Balnearios, que se volve reforzar un ano máis para atender á demanda existente.
Atención a persoas con discapacidade
No ano 2025, a Xunta de Galicia tamén volverá incrementar o apoio á atención ás persoas con discapacidade, unha materia que contará con 176 millóns de euros. Estas partidas farán posible aumentar nun 20% o orzamento destinado ás entidades sociais con cargo ao 0,7% do IRPF, que suma case 11 millóns de euros só na área de discapacidade.
O orzamento destinado a esta área permitirá, ademais, continuar consolidando a Rede Galega de Atención Temperá, que contará cun orzamento de 6,5 millóns de euros e con 6 unidades novas, e comezar os traballos de campo con profesionais e entidades especializadas para desenvolver ao longo da lexislatura un servizo de atención postemperá para rapaces con máis de 6 anos que precisen apoio.
A conselleira incidiu en que, grazas a estes investimentos, poranse en marcha un total de 110 novas prazas públicas de atención, grazas á entrada en servizo do CAPD de Ourense, e avanzou que a Xunta impulsará un proxecto residencial especializado e pioneiro no concello de Friol para a atención de persoas con autismo.
Por outra banda, o Goberno galego destinará 131,3 millóns de euros á inclusión social. Estas contas permiten reforzar as axudas a entidades sociais, tanto a través da orde específica, con 10,3M€, como a través da casilla social do IRPF, que se incrementa nun 20% ata chegar aos 11,5M€. E tamén permiten seguir mantendo o apoio aos concellos, dotándoos con fondos para mellorar os servizos sociais municipais. De feito, ás entidades locais destinaranse un total de 18,8M€, entre o plan concertado e a orde específica para concellos.
Galicia, referente en conciliación e corresponsabilidade
Na súa comparecencia, Fabiola García incidiu, ademais, en que en 2025 a Xunta reforzará a posición de Galicia como un auténtico referente en materia de conciliación. Para acadar este obxectivo, porase en marcha un programa integral de conciliación e corresponsabilidade, que estará dotado con máis de 140 millóns de euros.
Esta aposta do Goberno galego inclúe blindar con 65 millóns de euros a gratuidade na etapa 0-3, o que permitirá a Galicia continuar sendo líder absoluta en escolarización, e o reforzo histórico do Bono Concilia Familias, que disporá de 2,6 millóns de euros para tentar atender a todas as solicitudes. Tamén se seguirán consolidando as Casas Niño, un recurso de educación e conciliación no rural único en España e que contará con 3,3 millóns de euros. Tamén se consolidará a dotación da Tarxeta Benvida, con 32 millóns de euros, que agora xa se concede desde a semana 21 de embarazo.
Dentro deste paquete de medidas, tamén se dará un importante pulo á corresponsabilidade, coa dotación de 8,8 millóns de euros para as axudas do Plan Corresponsables que permiten poñer en marcha iniciativas de conciliación non só nos meses de verán, e o mantemento das axudas específicas ao fomento do reparto de tarefas entre mulleres e homes.
En conxunto, as políticas relacionadas coa familia, a infancia e o reto demográfico contarán cun orzamento de 241 millóns de euros, un 8% máis que en 2024. No ámbito da protección da infancia, a Xunta aumentará tamén nun 8% as partidas destinadas á protección de nenos e adolescentes, ata acadar os 65 millóns de euros. Un investimento que permitirá poñer en marcha os tres novos Puntos de Encontro Familiar comarcais do Deza, A Mariña e Monterrei.
E o vindeiro ano tamén se fará unha importante aposta polo acollemento familiar, unha partida cuxos fondos se incrementarán nun 15%, ata superar os 7 millóns de euros. Por último, e como novidade, no eido da dinamización demográfica incluirase unha dotación de 3,2 millóns de euros para un novo programa co que formar en competencias dixitais a persoas do ámbito rural, especialmente a maiores.
Reforzo na loita contra a violencia de xénero
A conselleira de Política Social e Igualdade explicou que en 2025 reforzaranse as políticas de loita contra a violencia de xénero, incrementando e reforzando as medidas e recursos dispoñibles. Para isto, a dirección xeral contará cun orzamento de 28,3 millóns de euros, o que permitirá blindar a atención ás vítimas de violencia de xénero, con axudas que superan os 8,2 millóns de euros e que sitúan á comunidade galega como referente. Entre elas, destacou as axudas directas e periódicas, que ofrece Galicia en exclusiva, ás que se destinarán 4,3 millóns de euros.
Fabiola García tamén avanzou que, nesta aposta polo reforzo na loita contra a violencia de xénero, a principios de decembro poranse en marcha os 5 centros de atención 24 horas que se abrirán en Galicia, aos que se destinarán 2,5 millóns de euros. Ademais, reforzarase de xeito significativo a Rede Galega de Acollemento, que incrementará a súa partida nun 34% ata os 1,2M€.
A conselleira explicou que, ademais das axudas económicas, tamén se continuará con outras medidas de atención, acompañamento, formación e integración das vítimas, que sumarán 3,8M€. Así como coa atención psicolóxica e xurídica.
Investimentos e obras
Para rematar, a conselleira fixo referencia aos novos centros de servizos sociais que se porán en marcha no vindeiro ano en Galicia e que permitirán crear 450 novas prazas públicas. Entre estes centros, destacou as residencias de maiores públicas que a Fundación Amancio Ortega está entregando á Xunta: a de Pontevedra, que será recibida este mesmo mes, e as de Coruña e Ferrol, que se porán en marcha en 2025 e que se sumarán ás de Santiago de Compostela e Lugo, que xa están operativas.
A estas novas residencias sumarase a de Ribeira, que será a primeira totalmente adaptada ao novo modelo de coidados, e que disporá en 2025 dun investimento de 12 millóns de euros. Ademais, e como novidade, Fabiola García tamén avanzou que no vindeiro ano destinaranse 1,3 millóns de euros a rehabilitar en Lugo o edificio da Rampa de Claudio López (antiga sede de Aspnais) para destinalo á creación dun centro integral de atención á saúde mental.