Fabiola García visitou o centro de crise 24 horas da Xunta que se atopa no HULA
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, visitou o espazo onde estará situado o centro de crise 24 horas da Xunta, nas instalacións do Complexo Hospitalario Lucus Augusti.
É un dos puntos de atención especializada para vítimas de violencia sexual que estarán en funcionamento no último trimestre do ano en diferentes cidades galegas. Os outros estarán nas cidades de Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo.
Cada un destes centros contará cun equipo formado por sete profesionais: tres psicólogos, dous traballadores sociais, un auxiliar, para atención xeral, e un asesor xurídico, para a xestión de posibles denuncias. Deste xeito, ofrecerase atención psicolóxica, xurídica e social ás vítimas de violencia sexual as 24 horas e os 365 días do ano.