Facilitan a conciliación en Lugo co programa Aulas abertas, que oferta 400 prazas

LugoXa
Os participantes teñen que ter cumpridos os 4 anos ou como máximo os 10, na data de inicio da actividade
conciliacion_aulas_abertas_lugo
Aulas Abertas
5 Xuño 2024

A Concellería de Benestar Social xa ten ultimadas as actividades, quendas e condicións que rexerán o funcionamento do programa Aulas Abertas para os meses de xullo e agosto, co obxectivo de garantir a conciliación familiar e laboral. Este ano ofértanse 400 prazas para nenos empadroados en Lugo, nados entre o 2013 e o 2020; polo tanto, os participantes teñen que ter cumpridos os 4 anos ou como máximo os 10, na data de inicio da actividade.

O citado programa desenvolverase en catro quendas, con 20 participantes en cada unha delas, desde o 1 ao 15 de xullo e do 16 ao 31 dese mes; e outros dous grupos do 1 ao 14, e do 16 ao 30 de agosto. O horario abarca os días laborables de 8.30 a 14.30 horas nos centros de convivencia de Fingoi, Lamas de Prado, Maruja Mallo, Milagrosa e Paco Martín. Precisamente, os interesados poderán presentar as súas solicitudes nos tres primeiros centros citados, xunto ao de María Balteira, entre os días 10 e 14 de xuño, desde as 09.00 ás 13.00 horas, e todas elas deberán estar asinadas pola nai, pai ou titores legais dos menores e presentada no Rexistro Xeral do Concello de Lugo.

A edil de Benestar Social, Olga López Racamonde, explicou que, dentro das prazas, “haberá como é habitual algunhas reservadas para familias en situación de vulnerabilidade, así como outras prazas para nenos e nenas con discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, cando as súas necesidades lles permitan beneficiarse e participar nas actividades destas Aulas Abertas”. En ambos casos deberán presentar os informes dos servizos sociais ou o certificado de discapacidade, respectivamente.

Prezos e bonificacións

Ademais, para garantir que estes programas de conciliación laboral cheguen ao maior número de nenas e nenos dunha mesma unidade familiar, haberá bonificacións do 50 por cento para o segundo fillo ou filla, mentres que o terceiro ou terceira quedará exento de pago, sempre que os ingresos da unidade familiar non superen dúas veces o Iprem do pasado ano.

O prezo, dependendo de se a quenda é de dez ou de once días, abarcará dos 10,30 euros aos 11,33 euros, e se deberá pagar unha vez o neno ou nena quede admitido no listado provisional. Este se publicará o vindeiro 19 de xuño, a mesma xornada na que se adxudicarán as prazas mediante sorteo informático público. O pago da cota formalizarase os días 19,20 e 21 e é necesario presentar o xustificante deste ingreso no centro de convivencia antes do día 24 de xuño.

 

 

 

0.15159702301025