FAGAMOS celebra o luns a xornada 'Moito que Facer' no Uxío Novoneyra

LugoXa
A concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, sinala que "é unha iniciativa importante para tratar moitos temas de interese para a poboación en xeral"
Olga-López-Racamonde-e-Fagamos
21 sep 2024

O Goberno local de Lugo colabora no desenvolvemento da xornada 'Moito que Facer', que a Asociacion de Familias Monoparentais de Galicia, FAGAMOS, celebrará o vindeiro día 23 no centro de convivencia municipal Uxío Novoneyra.

Trátase dunha xornada principalmente informativa, posto que servirá para sensibilizar e dar visibilidade ás necesidades e problemáticas ás que se enfrontan as familias monoparentais, ademais de afondar na corresponsabilidade e a conciliación para acadar a igualdade.

A concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, sinala que "é unha iniciativa importante para tratar moitos temas de interese non só para as familias monoparentais senón para a poboación en xeral, que tamén ten como obxectivo favorecer a conciliación e a corresponsabilidade nos coidados do fogar, tendo en conta dun xeito especial a diversidade familiar da nosa sociedade actual".

O encontro impulsado por FAGAMOS forma parte do proxecto “Currunchiños de Conciliación”, do Plan Corresponsables, financiado polo Ministerio de Igualdad e polo Goberno galego, e que conta coa colaboración do Concello de Lugo, a través da Concellería de Benestar Social.

A súa responsable, Olga López Racamonde, puxo en valor este tipo de eventos informativos para dar a coñecer as problemáticas actuais e acadar solucións. De feito, explica que “desde o Executivo de Paula Alvarellos temos en conta dun xeito especial ás familias monoparentais á hora de conceder, por exemplo, as axudas para o pago do aluguer de vivenda; ou dun xeito transversal dando prioridade a estas familias para as aulas abertas, clases de apoio escolar ou para as actividades que realiza o Concello de Lugo dedicadas á conciliación”.

A xornada 'Moito que Facer' se desenvolverá no centro cívico municipal entre as 10.00 e as 14.00 horas, con actividades, charlas, conferencias e cun faladoiro, que comezará ás 12.00 da mañá , onde se tratarán temas como a desigualdade existente nas tarefas do fogar e da crianza ou do papel que xoga o tipo de estrutura familiar na conciliación.

Ademais durante toda a xornada haberá unha mesa informativa para resolver dúbidas e recibir asesoramento en cuestións específicas para familias monoparentais como lexislación actual, certificados, redes de apoios, axudas e dereitos.

A carpa coa mesa informativa estará aberta desde as 10.00 horas do domingo 22 e servirá ademais como punto de inscrición para o resto de actividades da xornada. Ademais, é posible inscribirse de xeito gratuíto na web www.fagamos.com.

0.18003296852112