Falece a concelleira Olga López Racamonde tras unha longa enfermidade

A concelleira de Benestar Social de Lugo, Olga López Racamonde (Lugo, 1970), faleceu na tarde deste luns, 6 de abril, despois de loitar durante anos contra unha enfermidade que finalmente causou o seu pasamento. A noticia causou un profundo impacto na cidade, onde era unha figura moi recoñecida tanto polo seu labor político como sanitario.
Do mesmo xeito que xa acontecera cos seus compañeiros do grupo municipal socialista, Pablo Permuy e Paula Alvarellos, a edil recibirá unha homenaxe institucional por parte dos seus compañeiros e do conxunto da Corporación municipal. Nos vindeiros días anunciaranse tamén as xornadas de loito oficial en recordo da súa traxectoria e do seu compromiso social e político. López Racamonde formaba parte do grupo municipal desde o ano 2019, traballando estreitamente con Lara Méndez, Paula Alvarellos e, na actualidade, con Miguel Fernández.
A súa marcha deixa ademais unha vacante no grupo municipal do PSOE, que deberá ser ocupada pola seguinte persoa na lista electoral, que por orde corresponde a Alberto Caldero Pérez.
No ámbito profesional, Olga López Racamonde era enfermeira especializada en Obstetricia e Xinecoloxía. Desenvolveu un papel clave como matrona coordinadora da unidade no momento do traslado ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), un cambio que supuxo unha transformación significativa na atención aos partos en Lugo, evolucionando cara a modelos menos intervencionistas. Nos últimos anos exercía como matrona de Atención Primaria nun centro de saúde.
Ademais, tivo unha destacada faceta docente como profesora da Escola de Enfermaría, onde dirixiu numerosos traballos de fin de grao e fomentou a investigación entre o alumnado. A sociedade lucense lamenta profundamente a súa perda e conservará o recordo dunha das concelleiras máis apreciadas da cidade.