Familias de Monterroso protestan pola falta de prazas na escola infantil municipal

LugoXa
O colectivo critica a inexistencia de solucións por parte do Concello tras quedar sete nenos sen praza e denuncia a falta de diálogo coa Alcaldía
familias-Monterroso-escola-infantil
2 Jul 2025

A situación na escola infantil de Monterroso xerou unha onda de indignación entre as familias afectadas, que a pasada semana se concentraron diante da casa consistorial para protestar pola elevada lista de espera e reclamar unha solución inmediata.

A publicación da acta de baremación deixou fóra da escola a sete nenos e nenas, xerando preocupación entre nais e pais que consideran este servizo como esencial para a conciliación familiar e o desenvolvemento educativo temperán.

“Estamos preocupados pola situación, consideramos a escola infantil un servizo esencial para a conciliación familiar e tamén para a primeira toma de contacto dos nenos co sistema educativo, algo que se nos está privando de facer no noso pobo”, explicaron os representantes do colectivo durante a protesta.

Este martes fíxose pública a lista definitiva de admitidos, sen ningunha modificación con respecto á provisional, o que confirma que non foron atendidas as alegacións presentadas polas familias. Nesas reclamacións, instábase ao Concello a valorar a posibilidade de ampliar as aulas ou reorganizar os agrupamentos para poder atender todas as solicitudes.

“Sentimos que non se buscaron solucións ó problema, e agora temos que acudir ós concellos limítrofes que parece que si as teñen”, lamentan. Engaden que, a estas alturas de xullo, xa é practicamente imposible conseguir praza noutras escolas da contorna se non foron solicitadas con antelación, o que complica gravemente a vida laboral dalgunhas familias, que afirman non ter con quen deixar aos seus fillos.

O malestar tamén medrou pola falta de resposta institucional. Segundo denuncian, a alcaldía non atendeu a petición de reunión solicitada por escrito e nunca contestada. “Parece que non interesou recibirnos e buscar unha solución, polo que estamos decepcionados”, afirman.

As familias afectadas lembran que moitas delas decidiron establecerse en Monterroso polo atractivo que ofrecían os servizos públicos do municipio, que agora ven recortados sen alternativas nin diálogo institucional.

⚙ Configurar cookies
0.08309006690979