Familias do CEIP Veleiro Docampo reclaman a Educación a división dun grupo no que hai 26 alumnos

LugoXa | TerraChaXa
"O único que nos cabe pensar ás familias ante esta situación, é que tratan de enganarnos, aproveitando para realizar esta manobra (ilegal) a poucos días de iniciarse as vacacións", din
ceip-veleiro-docampo-castro
Colexio de Castro Ribeiras de Lea
25 Xul 2024

As familias do alumnado que cursará segundo Educación Primaria no CEIP Veleiro Docampo, de Castro de Rei, veñen de coñecer a noticia da negativa da Consellería de Educación para a división dun grupo de 26 alumnos e alumnas, cando o límite vixente é de 25 por aula.

Segundo lles informaron no centro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ampárase no artigo 50.6 da Orde que regula a admisión de alumnado (DOG 212 do 8 de novembro de 2022), o cal dita que se poderá autorizar un incremento do 10 % do máximo permitido nos supostos indicados no artigo 45 da mesma orde. "O engano está precisamente neste punto, xa que ese artigo 45 refírese a matrículas realizadas en período extraordinario, e non é o caso de ningún alumno/a deste grupo, xa que 25 son de continuidade e a número 26 matriculouse en período ordinario", aclaran.

"O único que nos cabe pensar ás familias ante esta situación, é que tratan de enganarnos, aproveitando para realizar esta manobra (ilegal) a poucos días de iniciarse as vacacións do equipo directivo do colexio, e aproveitando tamén que moitas familias están tamén en desconexión estival", afirman.

Aseguran que non son os únicos e que coñecen moitos centros nesta mesma situación ou noutras similares: "recortes de aulas, profesorado, atención do alumnado con necesidades especiais de apoio educativo, transporte escolar e mesmo instalacións" explican.

"Estas accións só as podemos definir coma de cobardes. Non imos calar", conclúen.

0.15776014328003