Fapacel denuncia a falta de substitución de persoal coidador en centros educativos de Lugo

A FAPACEL cualificou de “inaceptable” a situación que se está a producir en distintos centros educativos de Lugo pola ausencia de substitución do persoal coidador cando este non se incorpora ao seu posto de traballo. A entidade puxo como exemplo o caso do CEIP As Mercedes, onde inicialmente non se cubriu a baixa dun destes profesionais.
Segundo explica a federación, a situación neste centro puido reconducirse grazas á intervención directa e inmediata da nai dun dos nenos afectados, que se desprazou persoalmente ás oficinas da Administración educativa en Lugo. A partir desa xestión, logrouse activar a procura de persoal substituto para cubrir a ausencia.
A FAPACEL advirte de que esta realidade provoca que as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio queden sen a atención imprescindible durante a xornada lectiva, o que supón unha vulneración directa do seu dereito a unha educación inclusiva, digna e en igualdade de condicións.
A federación subliña que non se trata dun problema puntual, senón dunha deficiencia estrutural na organización dun servizo esencial. A falta de cobertura destas ausencias tradúcese, segundo denuncia, en consecuencias graves como a imposibilidade de participación do alumnado en actividades, situacións de desatención persoal e unha clara desigualdade respecto ao resto dos estudantes. Ademais, esta carencia traslada unha responsabilidade impropia ao profesorado e aos propios centros, que non dispoñen dos recursos necesarios para atender estas necesidades.
Neste contexto, lembran que o alumnado non só ten dereitos educativos, senón tamén dereitos persoais que deben ser garantidos en todo momento, incluíndo a súa atención, coidado e seguridade dentro do ámbito escolar. Por iso, insisten en que non pode depender da iniciativa individual das familias a garantía dun dereito básico nin a resolución de situacións que deberían estar previstas pola Administración.
Desde a FAPACEL reclaman á Administración competente que asuma a súa responsabilidade e actúe de maneira inmediata, garantindo a substitución efectiva do persoal coidador en todos os casos de ausencia, establecendo un protocolo claro e público que asegure a continuidade do servizo e adoptando medidas para evitar que esta situación se repita.
A federación conclúe que a educación inclusiva non pode depender da dispoñibilidade puntual dun recurso humano e denuncia unha vez máis a precariedade da atención á diversidade no ensino público en Lugo.