FAPACEL e o Colexio de Enfermería de Lugo renovan o seu convenio

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O acordo consolida o programa Educación e Saúde, que desde 2022 leva formación a miles de alumnos e familias da provincia
Convenio-FAPACEL-co-Colexio-Oficial-de-Enfermería-de-Lugo
22 Jan 2026

A Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos de Lugo e o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo renovaron o seu convenio de colaboración co propósito de dar continuidade ás accións formativas e ás iniciativas de promoción da saúde dirixidas ás ANPAS integradas en FAPACEL. O acordo foi subscrito pola presidenta da Federación, Isabel Calvete Carrera, e pola presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Eva Gómez Fernández, reforzando unha liña de traballo conxunta que se mantén activa desde o ano 2022.

Esta renovación permite prolongar o desenvolvemento do programa Educación e Saúde, que nos últimos anos vén mantendo unha intensa actividade nos centros educativos públicos da provincia. Desde o inicio da colaboración realizáronse un total de 178 accións formativas centradas na educación afectivo-sexual, unha das áreas máis demandadas polas comunidades educativas, chegando a arredor de 5000 nenos e nenas. De cara ao ano 2026, xa están programadas 40 novas formacións, ás que se suman outras intervencións adicionais que se realizan de maneira gratuíta para as ANPAS asociadas, en función das súas necesidades específicas.

No eido dos primeiros auxilios, o convenio permitiu impartir 13 obradoiros de reanimación cardiopulmonar, unha formación clave para capacitar tanto ás familias como ao persoal educativo na resposta ante situacións de emerxencia. Para o curso actual están previstas seis novas accións nesta materia, co obxectivo de ampliar estes coñecementos básicos entre a comunidade educativa.

Como principal novidade, o acordo incorpora unha nova liña de traballo centrada na saúde emocional e nos hábitos de vida saudable. Neste ámbito están previstas 14 formacións ao longo de 2026, orientadas a fomentar o benestar integral do alumnado e das súas familias, atendendo ás necesidades actuais dos centros educativos.

Con esta renovación, FAPACEL e o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo reforzan o seu compromiso de traballar de maneira coordinada na educación para a saúde, a prevención e a mellora do benestar das familias e do alumnado dos centros públicos da provincia, consolidando unha colaboración estable baseada na cooperación e na formación continua.

⚙ Configurar cookies
0.26534390449524