Adiada a charla da Fegadace para a prevención do ictus
A Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) e Afundación colaboran na organización dunha xeira de charlas para a sensibilización arredor do dano cerebral adquirido, unha discapacidade provocada, fundamentalmente, por ictus e traumatismos cranioencefálicos, que afecta a unhas 36.000 persoas en toda Galicia.
Trala boa acollida de público da edición pasada, ambas entidades volven sumar forzas coa programación de 10 sesións informativas sobre a casuística, dimensión e prevención do dano cerebral que se realizarán en diferentes vilas e cidades galegas.
En Lugo a sesión que tiñan prevista este mércores 25 de outubro ás 17.00h no Espazo+60 de Afundación (Carril do Mercado, 1) tivo que ser adiada e volverá celebrarse nunha data próxima. Está dirixida a un dos colectivos de risco, as persoas maiores, polo que o seu contido centrarase na promoción de hábitos saudables, na detección de signos e síntomas de alarma e nas pautas de actuación en caso de sufrir dano cerebral, prestando especial atención ao ictus, primeira causa de discapacidade adquirida en España.
A actividade enmárcase na programación informativa e divulgativa que Fegadace desenvolve con motivo do Día Nacional do Dano Cerebral, que se celebra o 26 de outubro, co fin de contribuír a loitar contra o descoñecemento e a prevención desta súbita lesión cerebral, que adoita considerarse unha epidemia silenciosa pola dificultade para detectar as súas secuelas.
Para o seu desenvolvemento, ademais do apoio de Afundación, a Federación conta co financiamento da Consellería de Política Social dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.
Modo de inscrición
As sesións están dirixidas a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse previamente. As persoas socias dos Espazos +60 poden anotarse no seu local de referencia e as non socias cubrindo este formulario ou chamando ao 881 943 148.