Feijóo anuncia en Lugo investimentos na cidade por valor de 9 millóns
Destaca un investimento de máis de 3 M€ para a reforma do Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Público Lucus Augusti e constata os avances da mellora do Centro de Saúde da Milagrosa. Salienta que a urbanización da terceira fase do parque empresarial das Gándaras se adxudicará este mes.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o impulso de 2 sendas metropolitanas, 3 aparcadoiros e a mellora de 96 paradas de autobús na cidade de Lugo e a súa área, cun investimento de preto de 9 millóns de euros.
Cunha achega total de 4,7 millóns de euros, Feijóo explicou que a primeira senda conectará a intermodal co Lucus Augusti e terá 3,4 quilómetros de lonxitude; e a segunda conectará o Parque de Rosalía, a Ponte Vella e a Estrada de Santiago.
Por outra banda, os tres aparcadoiros disuasorios contarán cun investimento de 1,1M€: un deles terá 150 prazas nas proximidades do enlace da N-VI coa N-540; e os outros dous aparcadoiros estarán nos accesos á vía de altas prestacións Nadela-Sarria-Monforte -un con 30 prazas na contorna de Nadela e outro con 30 nas proximidades de Monforte-.
No tocante á mellora das paradas de autobús, o presidente galego destacou actuacións por un importe de 2,8 millóns de euros nun total de 96, situadas en estradas autonómicas con acceso á cidade de Lugo.
SANIDADE
Alberto Núñez Feijóo, anunciou tamén un investimento de máis de 3 millóns de euros para a reforma do Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Público Lucus Augusti e constatou os avances da mellora do Centro de Saúde da Milagrosa, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros.
Feijóo precisou que o servizo de medicina nuclear trasladarase á planta 0 do hospital e dotarase de novo equipamento, coa instalación dun PET-TC -clave para a diagnose de tumores ou enfermidades neurodexenerativas-, e a renovación da gammacámara existente.
Así mesmo, incorporaranse cinco TAC, un novo equipo de branquiterapia e outro de anxiografía neurorradiolóxica, financiados con cargo á partida orzamentaria de 2022 destinada á adquisición de tecnoloxía e equipamento sanitario. Estes equipos veñen complementar aos 5 novos equipos radiocirúrxicos, ao equipo DaVinci de cirurxía robótica e aos 5 novos ecógrafos adquiridos para este centro hospitalario cos orzamentos de 2021.
No tocante á reforma do Centro de Saúde da Milagrosa, precisou que se levará a cabo unha renovación da estrutura física, así como a reorganización da asistencia, co obxectivo de dotar ao centro de: 6 consultas de medicina xeral e 6 de enfermería; 2 consultas de docencia; 1 despacho de traballo social; 2 salas polivalentes; 1 sala de técnicas; 1 sala de urxencias; 1 de toma de mostras e espazos de admisión, sala de xuntas, salas de estar e vestiarios. Ademais dun espazo para a entrada de ambulancias baixo teito e un espazo no interior para cadeiras de rodas ou padiolas.
Así mesmo, salientou que, no marco do Plan de Infraestruturas, na provincia construiranse 6 novos centros de saúde en Antas de Ulla, Pantón, Ribadeo, Becerreá, Guntín e Sagrado Corazón (na cidade); e reformaranse media ducia -o de Foz, Meira, Outeiro de Rei, Ribas de Sil e, na cidade, os de Praza de Ferrol e o mencionado da Milagrosa-.
POLÍGONOS INDUSTRIAIS
En materia económica, Feijóo subliñou que na provincia de Lugo, a Administración autonómica conta con preto de 270.000 metros cadrados de solo urbanizado, distribuídos en 11 polígonos industriais e con bonificacións na compravenda do 50%.
Deste xeito, a empresa pública Xestur ofrece 52 parcelas -máis de 113.000 m2- en tres parques empresariais (As Gándaras, Cervo e Viveiro), no concurso de adxudicación deste 2022. E sacaranse a concurso ao longo deste ano outros 13.000m2, en 15 parcelas do parque de Muimenta, que se sumarán aos máis de 122.000m2 de solo empresarial á venda que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ten en sete polígonos lucenses.
Cómpre salientar tamén que a urbanización da terceira fase do parque empresarial das Gándaras adxudicarase este mes e permitirá habilitar 25 novas parcelas. Os proxectos das segundas fases da Pontenova e Meira se licitarán no vindeiro mes de abril; “e traballamos no desenvolvemento de solo no Corgo, Palas de Rei e Castro de Rei”, engadiu.
En relación ás infraestruturas tecnolóxicas, recordou que, desde a Xunta, estanse a executar diferentes medidas para mellorar a cobertura e a conectividade, entre as que destacou a liña de axudas para facilitar a conexión a internet ultrarrápida de empresas e autónomos de zonas illadas do rural, cuxa nova convocatoria sairá publicada a vindeira semana no DOG. Ademais do Plan de mellora de cobertura móbil en zonas illadas, do que se beneficiarán 150 núcleos da provincia de Lugo.
TURISMO
En materia de turismo, o presidente da Xunta puxo en valor que a provincia recibiu tamén un investimento aproximado de 19 millóns de euros para impulsar a recuperación e reactivación do sector turístico en Lugo. Neste apoio inclúense 12 liñas de axudas, 10 convenios con distintas entidades, máis de 11 millóns de euros en axudas á hostalería no marco dos plans de rescate da Xunta e os proxectos financiados ao abeiro de "O Teu Xacobeo".
Así mesmo, precisou que, ao longo deste ano, os Plans de Sustentabilidade Turística da Ribeira Sacra e da Mariña canalizarán investimentos por 1,5M€. Na Ribeira Sacra continuarase co embelecemento de núcleos, coa renovación da sinalética e coa promoción das rutas do viño e na Mariña traballarase nun plan estratéxico, nun plan de marketing, na dixitalización de servizos e no desenvolvemento de experiencias turísticas innnovadoras.