Felipe Rivas despediuse do seu cargo municipal: "Foi unha honra poder traballar por esta cidade"

Felipe Rivas despediuse do seu cargo como concelleiro do BNG no pleno municipal de Lugo despois de formalizar a súa renuncia por motivos persoais.
No seu discurso de despedida, Rivas agradeceu á veciñanza de Lugo a confianza depositada no proxecto do BNG e recoñeceu o apoio recibido tanto pola súa organización como polas compañeiras do Grupo Municipal.
“Foi unha honra poder traballar por esta cidade. Lugo ten moito potencial e estou seguro de que o BNG seguirá impulsando o cambio necesario para melloralo”, afirmou Rivas, quen tamén destacou o esforzo e dedicación do equipo de goberno e do persoal da área de Educación, coa que traballou nos últimos anos. “Hoxe tócame dar un paso ao lado, pero sigo crendo firmemente no proxecto do BNG e no seu traballo para facer de Lugo unha cidade máis xusta, máis sostible e máis dinámica”, engadiu.
O portavoz do BNG e tenente alcalde, Rubén Arroxo, dedicou unhas palabras ao seu compañeiro, subliñando a súa entrega e os obxectivos cumpridos na Concellería de Educación, así como o legado que deixa dentro do partido. “Felipe sempre traballou con responsabilidade, logrando melloras importantes para as familias de Lugo. Sabemos que a súa marcha non é unha despedida definitiva, senón un ata logo”, afirmou Arroxo.
En nome do grupo, o tenente alcalde quixo “dar as grazas por todo o esforzo destes cinco anos e medio, sobre todo neste último período no que, a pesar dos problemas de saúde, estiveches sempre tratando de facer o máximo esforzo”. Ademais, asegurou que “o BNG seguirá contando contigo cando a túa situación persoal o permita”.