Felipe Rivas reúnese coa Fapacel e as anpas para esbozar as actividades
O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, mantivo unha xuntanza con representantes da Fapacel e das distintas anpas de Lugo para recoller as propostas das familias de cara ás actividades extraescolares do presente curso. Rivas explicou que “desde o Goberno de Lugo estudaremos as propostas das familias e traballaremos da man cos centros para ofertar as actividades que se adapten mellor a cada centro, cumprindo coas restriccións sanitarias que continúan vixentes no ensino”.
O edil de Educación reclamou á Xunta de Galiza “que se faga cargo das competencias que ten en exclusiva no eido da Educación, e que ano tras ano supón un gran esforzo aos concellos”. Felipe Rivas afimou que "como fixemos o ano pasado, deseñaremos actividades para cumprir en todo momento cos protocolos sanitarios, e comprenderemos se algún dos centros de ensino queren reducir ao máximo as posibilidades de contaxio, polo que estamos a deseñar distintas alternativas".
“Ademais de manter unha serie de actividades para axudar á conciliación das familias, axudamos tamén a manter os postos de traballo das monitoras e monitores das actividades, que se están a ver moi afectadas pola situación actual", explicou Felipe Rivas.