Fernando Muñoz Guzón é o novo decano da Facultade de Veterinaria da USC

GaliciaXa | LugoXa
O novo decano aposta polo diálogo, transparencia e colaboración para consolidar o hospital universitario e a investigación
Fernando-Muñoz-Guzón-decano-da-Facultade-de-Veterinaria-de-Lugo
30 Jan 2026

Fernando Muñoz Guzón, docente da área de Ciencias Clínicas Veterinarias, tomou posesión como novo decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC) nun acto presidido polo reitor Antonio López Díaz e no que tamén interveu o decano saínte, Gonzalo Fernández. Muñoz asumiu o cargo cunha folla de ruta baseada no diálogo, na transparencia e nunha vocación profundamente colaborativa, coa intención de continuar consolidando os logros alcanzados e afrontar novos desafíos nos próximos seis anos de mandato.

O novo decano subliñou a importancia da unidade na facultade: “Esta facultade non pode avanzar se non o fai unida. A miña porta estará sempre aberta para escoitar, compartir e construír conxuntamente”, explicou. Entre os seus principais obxectivos destacan manter e superar os estándares da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE), reforzar o Rof Codina como centro de referencia clínica e asistencial, mellorar as infraestruturas de investigación e estreitar os lazos cos colexios profesionais e co sector primario galego.

O reitor Antonio López Díaz destacou que a Facultade de Veterinaria “lidera o seu ámbito a nivel estatal e internacional”, un feito que cualificou de “orgullo para a USC”. Ao mesmo tempo, agradeceu o traballo do decano saínte, Gonzalo Fernández, quen deixou “unha base sólida sobre a que seguir construíndo” e abriu paso á nova etapa con Fernando Muñoz.

Fernando Muñoz tamén recoñeceu o labor do equipo decanal anterior e enfatizou o compromiso co territorio, apuntando que o centro debe seguir sendo un referente nacional e internacional pola calidade do grao, o hospital veterinario universitario, a investigación e a conexión co sector primario.

O equipo de goberno que acompañará a Muñoz está composto polos vicedecanos Víctor Pereira Lestayo, Cynthia López Novo e Cristiana Filipa Cazapal Monteiro, así como por Natalia Miño Fariña, que ocupará o cargo de secretaria da Facultade.

⚙ Configurar cookies
0.080039024353027