Ferreira de Pallares acolle o 10 de agosto a vixésima edición da Festa Artesanal

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares celebrará este domingo, 10 de agosto, a vixésima edición da súa Festa Artesanal, unha cita consolidada no calendario cultural da comarca que conta co respaldo da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O encontro busca poñer en valor os oficios tradicionais e a artesanía, ao tempo que reivindica a riqueza patrimonial do mosteiro de Ferreira de Pallares, construído na segunda metade do século IX.
A feira de artesanía instalarase na contorna do mosteiro e abrirá ao público ás 11:00 horas, reunindo arredor de vinte demostracións en directo de oficios como a forxa, a cantería, a talla e torneado de madeira, o traballo en resina, pirogravado, coiro, cestería, cerámica, xoiería, ferro e artesanía téxtil. Tamén haberá postos de venda con produtos da comarca e unha degustación de filloas para o público asistente.
A actriz e presentadora Beatriz Serén será a encargada de pronunciar o pregón ás 13:30 horas, un dos momentos máis destacados da xornada, que tamén incluirá o tradicional xantar de confraternidade no claustro do mosteiro. As persoas interesadas poden retirar os convites para o xantar en Casa Fidalgo, Bar Stop, Parrillada Ó Xeito e Casa Maestro de Matei ata o 8 de agosto.
Durante a presentación da festa, a deputada de Cultura, Iria Castro, animou a veciñanza a achegarse a Ferreira de Pallares para coñecer o mosteiro e o seu contorno nun ambiente festivo que pon en valor a artesanía e os produtos locais. “Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo chamamos continuamente a sentirnos orgullosas e orgullosos do propio, do idioma, da cultura, do patrimonio e tamén da artesanía, que forma parte das nosas sinais de identidade”, destacou a deputada.
Tamén está en marcha o Certame de Investigación Condado de Pallares
Ademais da Festa Artesanal, a Asociación de Amigos do Mosteiro promove, coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, o Certame de Investigación Condado de Pallares, que busca fomentar o estudo en ámbitos como a linguística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía ou o folclore.
O certame está dirixido a traballos orixinais e inéditos en galego centrados no territorio do antigo Condado de Pallares, que abrangue os concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo. As persoas interesadas poden presentar os seus textos ata o 30 de setembro.