Ferreira de Pallares, en Guntín, prepara unha nova edición da Festa Artesanal
Ferreira de Pallares, en Guntín, celebra a décimo novena edición da Festa Artesanal o vindeiro domingo o 11 de agosto. A Asociación de Amigos do Mosteiro organiza, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, unha nova edición desta cita que pon en valor os oficios tradicionais e o traballo artesán ao tempo que reivindica o valor patrimonial do mosteiro, erixido na segunda metade do século IX.
O recinto da festa, que abrirá ás 11.00 horas, acollerá unha vintena de demostracións de oficios tradicionais e artesáns -cantería, forxa, madeira, coiro, cestería, cerámica, oficios textís, antigüidades, apicultura, obradoiros con resina e de obtención de auga floral -. Ademais, haberá postos de venda de produtos da zona e unha degustación gratuíta de filloas. Ás 13.30 terá lugar a lectura do pregón, a cargo do escritor e xornalista Xavier Lama, nado na parroquia guntinesa de Santa Euxea.
Non faltará o tradicional xantar de confraternidade, no claustro do mosteiro. A retirada de convites para participar no xantar pode facerse en Casa Fidalgo, Bar Stop, Parrillada Ó Xeito e Casa Maestro de Matei ata o 8 de agosto. Na presentación, na que participaron membros da Asociación e o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, a deputada de Cultura Iria Castro convidou “a aproveitar a feira para achegarse a Ferreira de Pallares e coñecer o conxunto monástico e o seu entorno, nun ambiente festivo que reivindica os oficios artesáns e os produtos da zona”.
Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo “chamamos continuamente a sentirnos orgullosas e orgullosos do propio, do idioma, da cultura, do patrimonio, e tamén da artesanía, que forma parte das nosas sinais de identidade” Ademais de colaborar na organización da Festa Artesanal, a área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a convocatoria do Certame de Investigación Condado de Pallares.
Está promovido tamén pola Asociación para fomentar a investigación nos ámbitos da lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía e o folclore no territorio que conformaba o antigo Condado de Pallares, entre os concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo. As persoas interesadas en participar poden achegar os seus traballos de investigación, escritos orixinais e inéditos en lingua galega, ata o 30 de setembro.