Ferreiro visita as actividades de animación á lectura que se celebran no MIHL
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, achegáronse ata o MIHL, onde se están a celebrar as actividades de animación á lectura organizadas pola área de Cultura e dirixidas ás nenas e nenos de Lugo. "Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero", explicou Maite Ferreiro.
A área de Cultura utiliza o MIHL para estas actividades, “promocionando tamén esta instalación, as súas exposicións e a súa singularidade", explicou a edil de Cultura, que engadiu "estas actividades contan sempre cunha gran participación por parte do público".
As actividades de Animación á Lectura e Contacontos divídense en catro trimestres, realizándose unhas 20 actividades ao longo do ano. Cada unha delas, está adaptada para as distintas idades das nenas e nenos participantes, achegando actividades de lecer para nenos desde 1 ano ata os 12 de xeito totalmente gratuíto para as familias.
Na xornada de onte, tivo lugar o espectáculo Cabicivai, de Pablísimo:
"Cabici vai subindo e baixando, ca bici vai de acó para alá, ca bici vai carretando as historias, ca bici vai a golpe de pedal..." Cabicivai é un espectáculo sobre rodas, unha bicicleta, un Kamishibai e tres caixóns dos que pode saír calquera cousa!
As actividades pecharán o 2023 o vindeiro 30 de novembro ás 18:00 horas no MIHL, co espectáculo Brincadieras da Lingua de Migallas Teatro, recomendado para nenas e nenos a partir dos 3 anos. Trátase dun espectáculo que ten como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia dun xeito divertido, mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros recursos.
As entradas poden retirarse de xeito gratuíto no portan entradaslugo.es.