Fillas de Cassandra e La Perra Blanco, primeiras confirmacións do San Froilán 2024
Os concertos de Fillas de Cassandra e La Perra Blanco convértense nas primeiras confirmacións do programa do San Froilán 2024. Maite Ferreiro destacou a relevancia de Fillas de Cassandra e La Perra Blanco no panorama galego e estatal. A concelleira de Cultura subliñou que "en tan só 2 anos, a mestura de pop, electrónica e música tradicional de Fillas de Cassandra, xunto cunha mensaxe feminista, conseguiu ter un importante oco á hora de apostar pola música galega".
Engadiu "La Perra Blanco está a converterse nunha das bandas máis reclamadas do panorama roqueiro no estado, Alba Blanco traerá a Lugo o seu espectáculo que achega á actualidade os ritmos do rock, o blues ou o country". Fillas de Cassandra actuará o venres 4 de outubro ás 22.00 na praza Horta do Seminario.
MaríaSOA (voz, percursión e piano) e Sara Faro (voz e percusión) conforman o dúo Fillas de Cassandra. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas na no canto de tradición oral, pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica.
O espectáculo que propoñen bebe do teatro, convidando ao público a ser parte dunha viaxe ao longo da historia, da man dos nomes das heroínas que rescatan da mitoloxía clásica e cos que pretenden estabelecer un diálogo, recoñecendo as súas vivencias presentes como mulleres nas das súas devanceiras.
Ollada feminista
Sempre desde unha ollada feminista e actual, as súas composicións transitan da emotividade ao desenfado vibrante sen esquecer o activismo, logrando conectar cun público interxeneracional. O piano e as diferentes percusións son apoiadas por bases electrónicas que, a pesar da súa potente sonoridade, capaz de instalar atmosferas de por si soas, non eclipsan nin as súas letras nin as súas voces, sempre nun primeiro plano grazas ás súas harmonías vocais moi coidadas.
2023: Premio aRi[t]mar á Mellor Música do Ano en Galiza en 2022.
Pola súa parte, La Perra Blanco actuará tamén o venres 4 de outubro ás 23:00 na praza de Santa María. Coñecida como a nova Raiña do Rockabilly (Así a menciona a revista británica «Rock’n’roll U.K Magazine») está revolucionando o rock’n’roll musical no estado e Europa.
Alba Blanco, está a romper as regras dun mundo de homes, tocando a súa guitarra e cantando cunha ira e enerxía similar á Bomba de Hiroshima, salta e baixa polo escenario respaldada polo contrabaixista máis salvaxe (Guillermo Gonzalez del Campo), un gran baterista (Jesús López Benitez) e o teclista Gerard Vercher que faran bailar ao público ata caer ao chan.
Esta banda, é a banda de rock’n’roll máis demandada do momento no estado, levando a música de raíz coma o rock’n’roll, blues, country a un escenario actual, tocando para todo tipo de público; La Perra Blanco non ten límites e están adquirindo cada vez máis fama, mentres achegan a música de raíz ás xeracións máis novas.